Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo critica a parálise do goberno local e da Xunta mentres Cerámica Sargadelos se desangra

Nota de Prensa

O BNG DE CERVO REUNIUSE CO COMITÉ DE EMPRESA DE CERÁMICAS SARGADELOS
A Dirección da cerámica xa ten en tramitación o terceiro ERE incluíndo a extinción de 34 postos de traballo na planta de Sargadelos
Os nacionalistas criticaron a parálise dos membros do goberno local e a Xunta mentres esta empresa emblemática para Cervo se desangra

Cervo, 10 de xullo de 2010. Representantes do BNG de Cervo reuníronse na tarde de onte co Comité de Empresa da Cerámica de Sargadelos despois de que a dirección lles trasladara o inicio da tramitación do terceiro Expedente de Regulación de Emprego, nesta ocasión co proposta de extinción de 34 postos de traballo. Os nacionalistas escoitaron de primeira mao a situación laboral da empresa e trasladaron á representación do cadro de persoal varias iniciativas presentadas, tanto no concello de Cervo como no Parlamento Galego. Tanto os nacionalistas como o Comité de Empresa coincidiron en reclamar das administracións, nomeadamente da Xunta de Galiza, medidas que eviten o declive e a perda de emprego nunha empresa que e moito mais que unha fábrica de cerámica, e criticaron a parálise do goberno municipal que non fixo nada para axudar a evitar esta situación.

Xunta e goberno local non fixeron nada do comprometido en acordo plenario en maio de 2009
Os nacionalistas criticaron con dureza a parálise do goberno local que asumiu mediante unha emenda a unha iniciativa nacionalista debatida no pleno da corporación de Cervo, a realización de xestións diante doutras administracións para garantir a viabilidade da empresa e evitar a perda de empregos, “tanto o Comité de Empresa como o BNG coincidimos na parálise do goberno local que nin sequera foi quen de reunirse coa representación do cadro de persoal”, sinalou Xoán Estúa, portavoz municipal nacionalista. “Estúa foi mais alá ao indicar que o Tte. Alcalde e parlamentar, José Manuel Balseiro, comprometeuse persoalmente para facer xestións coa Xunta en maio de 2009 para evitar a perda dun só emprego en Sargadelos e á vista está que a este sr. váiselle a forza pola boca”. O BNG ademais criticou que levan un mes agardando polas respostas do goberno local a unha batería de preguntas en relación ás xestións do goberno local derivadas do acordo de maio de 2009, “da a sensación de que a perda de emprego en Sargadelos non vai con eles e tampouco lles preocupa a perda dun dos referentes culturais mais importantes do concello”.

Os nacionalistas comprometéronse co comité a traballar para evitar a perda de emprego e reflotar a empresa.
O BNG comprometeuse a traballar, como o ven facendo dende a presentación do primeiro ERE en maio de 2009, para buscar o apoio da administración pública na liña de garantir os postos de traballo e a viabilidade da empresa, para o BNG Sargadelos non pode ser visto unicamente como unha fábrica de cerámica senón como unha industria cultural que require do apoio público nun traballo de difusión e promoción dos sinais de identidade galegos.  “Xoán Estúa dixo estar convencido de que a Xunta ten ferramentas para traballar neste sentido e esixiremos por todas as vías ao noso alcance para que así se faga”, “o nacionalista engadiu que ao igual que se fan planos de apoio para o sector automobilístico en Vigo, Sargadelos como industria que traspasa o campo puramente empresarial para ser fonte de promoción da cultura do país debe ter un tratamento singular”

Exit mobile version