Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia a escaseza de auga que sofren os veciños de Barreiros as fins de semana

NOTA DE PRENSA:

O BNG DENUNCIA A ESCASEZ DE AUGA QUE DURANTE AS FINS DE SEMANA DO VERÁN SOFREN OS VECIÑOS DE BARREIROS. OS NACIONALISTAS RECOMÉNDANLLE AO ALCALDE QUE REFLEXIONE SOBRE QUÉN É O RESPONSABLE DESTA SITUACIÓN E DO VERQUIDO QUE SE PRODUCÍA O SÁBADO NA PRAIA DE AREALONGA.

Barreiros, 23 de agosto de 2010. O Bloque Nacionalista Galego denuncia a escaseza de auga que durante as fins de semana do verán sofren os veciños de Barreiros. Os nacionalistas recoméndanlle ao alcalde que reflexione sobre quen é o responsable desta situación e do verquido que se producía na praia de Arealonga o sábado pasado.

Para o Bloque Nacionalista Galego “as saídas de tono do alcalde de Barreiros son xa habituais, pero non son de recibo. Non é de recibo que un rexedor do PP inste aos seus compañeiros de partido que están no goberno da Xunta a facer algo que se supoñía que xa estaba comprometido e amarrado. Parece ser que as respostas da Xunta, unha e outra vez, dan a razón aos que denunciamos no seu día todo o que estaba a acontecer co urbanismo en Barreiros. Xa o dixemos en máis dunha ocasión e tanto o conselleiro coma Feijóo o que repiten é que mentres non haxa servizos non pode haber edificios, xustamente o que diciamos desde o BNG”.

Os nacionalistas lembran que “nós xa fomos críticos en todas as institucións nas que tivemos e temos presenza e agora parece que a Xunta é a que non cre nese convenio, iso demostra ao telo paralizado. Eles son agora os escépticos”.

Desde o BNG engaden que “tamén o alcalde de Barreiros anda buscando culpables, nas súas declaracións deste pasado domingo culpaba unha vez máis ao anterior goberno da Xunta da paralización urbanística. Postos a buscar culpables habería que preguntarlle ao propio alcalde cales son as súas xestións e a parte diso tamén habería que preguntarlle quen é o responsable de que se produzan verquidos na praia de Arealonga, cunha obra de saneamento feita hai pouco tempo ¿quen é culpable de que durante todas as fins de semana do verán non haxa potencia suficiente e empece a escasear a auga en Barreiros aínda sen ocupárense todas as vivendas?. Que lle pregunte a cidadanía ao alcalde quen é o culpable deses verquidos, non cremos que sexa a anterior Xunta bipartita e non creo que sexa esa Xunta a responsable de que escasee a auga en Barreiros”.

Os nacionalistas consideran que “en vez de facer notas de prensa e declaracións o alcalde de Barreiros o que terá que facer será traballar e gobernar porque para iso foi elexido e non para buscar culpables. O que ten que buscar é solucións, porque parece ser que os do seu partido non lle dan as que busca. Os malos feitos desde o principio sempre teñen difícil arranxo”.

Exit mobile version