Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS enfrontarse ao Marfil Santa Coloma no VI Memorial Celso Currás de Trabada

Nota de Prensa

MARFIL SANTA COLOMA, RIVAL DO BURELA FS NO VI MEMORIAL CELSO CURRÁS DE TRABADA

O Marfil Santa Coloma, da División de Honra, será o rival do Burela FS na sexta edición do Memorial Celso Currás de Trabada, que terá lugar entre o sábado 21 e o domingo 22 de agosto.

Os rapaces de Suso Rey serán os encargados de estrear o torneo, nas semifinais do sábado, fronte aos barceloneses, vixentes campións do memorial; será ás 18.30 horas, no pavillón municipal. Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago e Reale de Cartagena, tamén de Honra, completarán o repertorio, na segunda semifinal, ás 20.30 horas.

Este será o segundo encontro dos mariñáns ante o Marfil Santa Coloma esta semana. O primeiro foi o martes, na Semana Eypar de Melide, no que os laranxas non puideron impoñerse aos barceloneses (3-2) a pesar da súa excelente segunda parte.

O domingo o mellor fútbol sala clausurará unha xornada repleta de actividades, coa gran final entre os gañadores da primeira fase, a partir das 20.30 horas. Ás 12.00 a piscina municipal acollerá unha festa acuática e, pola tarde, o equipo local, Concello de Trabada FS, presentarase oficialmente nun amigable ante o Jim Sports Melide FS (18.30).

A entrada custará 5 euros por día, coa posibilidade de adquirir un bono para todo o torneo, por 6 euros. Para os/as menores de 12 anos o acceso será gratuíto.

Exit mobile version