Site icon Crónica3.com A Mariña

O edil de Turismo de Burela destaca a potencialidade do concello como destino turístico “de proximidade”

Nota de Prensa

UNHAS 3.500 PERSOAS PASARON POLA OFICINA DE TURISMO DE BURELA E POLO BARCO MUSEO REINA DEL CARMEN. OS DATOS DESDE O 15 DE XUÑO AO 31 DE XULLO FORON DADOS A COÑECER HOXE POLO CONCELLEIRO JOSÉ GONZÁLEZ LEGAZPI.

Burela, 10 de agosto de 2010. Os datos da oficina de turismo de Burela reflicten a súa potencialidade como destino turístico incluso nun momento de dificultade económica, segundo o edil José González Legazpi.

O concelleiro de Turismo, nunha avaliación obxectiva sobre a segunda quincena de xuño e sobre todo o mes de xullo, incide “na importancia do turismo, principalmente de proximidade, e por tanto na potencialidade  do Concello no seu avance cara a  consecución dunha máis grande capacidade turística”.

González Legazpi subliñou que “a oficina de turismo de Burela ten rexistrado unha afluencia de visitantes de proporcións semellantes no mes de xuño ás do pasado verán, e algo superiores no mes de xullo no cómputo global e segundo o número de persoas que diariamente estiveron interesándose polo noso Concello e tamén pola comarca da Mariña, e que ciframos en cerca de 3.500 persoas incluídas as visitas ao barco museo Reina del Carmen”. O responsable de Turismo en Burela sinalou que “é previsible un incremento durante o tempo que resta de verán. Destacar que a procedencia maioritariamente é da nosa comunidade autónoma,  principalmente do eixe atlántico, seguida de Asturias e tamén é moi representativa a afluencia de persoas chegadas dende a capital de España, e do norte peninsular, concretamente de Cantabria e País Vasco, pero tamén de Castela- León”.

O edil nacionalista engade que “tamén se rexistrou un incremento de mobilidade na área de autocaravanas, de procedencia indistinta, pero é apreciable o achegamento de visitantes da zona do mediterráneo, en definitiva acreditase o interese do turismo no noso concello, primordialmente de cercanía, que na actual coxuntura económica ten unha maior posibilidade de acomodación para o visitante”.

José González Legazpi destacou “este avance significativo que determina claramente e de modo positivo o resultado do traballo que se ven facendo na divulgación e participación en certames de ámbito indistinto, o que fai posible o achegamento de visitantes ao noso Concello. E que tamén representa unha condición positiva para os sectores socioeconómicos locais e un avance progresivo nas políticas de desenvolvemento xeral do turismo en Burela que nos posiciona xa claramente como destino referente na comarca”.

Exit mobile version