Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo reuniuse coa dirección de Sargadelos e interesouse polos plans da empresa na regulación de emprego

Nota de Prensa

O deputado popular e o alcalde de Cervo manifestaron a súa disposición de colaboración ante a Dirección e o Conselleiro Delegado da empresa e remitiron unha carta aos traballadores manifestando a súa disposición de mediación e apoio

BALSEIRO E VILLARES MANTIVERON UNHA NOVA REUNIÓN COA DIRECCIÓN DE SARGADELOS PARA INTERESARSE POLOS PLANS DA EMPRESA SOBRE A REGULACIÓN DE EMPREGO

* Só a Xunta de Galicia dirixiuse ao Concello de Cervo interesándose polo futuro do cadro de persoal de Sargadelos, despois de ter recibido o acordo municipal unánime no que se instaba á administración autonómica, Deputación e Goberno central a desenvolver distintas estratexias de apoio á empresa.

A Mariña, 3 de agosto de 2010.- O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares mantiveron no día de hoxe unha nova xuntanza coa dirección de Sargadelos para interesarse polos plans desta empresa que planea poñer en marcha un novo Expediente de Regulación de Emprego (ERE). Esta non é a primeira vez que os representantes populares reúnense coa Dirección e co Conselleiro Delegado de Cerámica de Sargadelos pois, ao longo do último ano, son varias as veces nas que despacharon sobre os plans de futuro da empresa. Nesta ocasión, tanto Balseiro como Villares, quixeron achegar a preocupación existente no Concello de Cervo despois de que o novo ERE que se está a estudar inclúa a extinción de varios contratos dos seus traballadores.

O parlamentario popular e o alcalde cervense quixeron facer pública a súa máxima disposición “tanto persoal como política” para desenvolver as xestións que estimen oportunas en apoio da actividade da empresa e orientadas sempre ao mantemento do maior número de postos de traballo posibles. Balseiro e Villares tamén explicaron que remitiron unha carta no día de hoxe á representación dos traballadores para indicarlles a súa vontade de mediación ante a propia empresa e ante as distintas administracións. Ata o momento os representantes populares foron totalmente respectuosos cos ERE´s adoptados xa que todos eles eran resultado do acordo entre a Direccion de Sargadelos e a representación dos traballadores.

XUNTA E CONCELLO COMPROMETIDOS CON SARGADELOS

Jose Manuel Balseiro indicou que pese a que existe un acordo plenario unánime do Concello de Cervo, comunicado formalmente ás distintas administracións (Goberno central, Deputación e Xunta), no que se lles require que desenvolvan distintas estratexias de apoio á empresa Cerámica de Sargadelos, ningunha administración, salvo a Xunta de Galicia ten amosado en resposta ao emprazamento do Concello a súa preocupación polo futuro da factoría e manifestado o apoio correspondente.

Balseiro e Villares insisten en xustificar este especial compromiso de Xunta e administración local para coa Cerámica de Sargadelos tanto pola importancia que esta ten no mantemento dunha serie de postos de traballo moi especializados e maioritariamente femininos, como tamén polo especial papel que esta cerámica supón como signo cultural e da vangarda artística de Galicia.

Exit mobile version