Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP informa dun investimento de 600 mil euros da Xunta no Hospital da Costa

NOTA DE PRENSA
Mentres que socialistas e nacionalistas facían afirmacións falsas sobre o peche e desaparición do hospital, o Goberno do PPdeG que lidera Feijoo achega máis de 100 millóns das antigas pesetas para obras e melloras tecnolóxicas neste centro
BALSEIRO SALIENTA O INVESTIMENTO SUPERIOR A 600 MIL EUROS COMO MOSTRA DO COMPROMISO DA XUNTA CO HOSPITAL DA COSTA

* Á recente adxudicación da obra de reforma da cuberta, rampla, ampliación da unidade de farmacia e arquivo do Hospital da Costa hai que engadir a compra de dous novos ecógrafos para os servizos de xinecoloxía e radioloxía.

A Mariña, 31 de agosto de 2010.- Jose Manuel Balseiro Orol vén de salientar e felicitarse en nome do Partido Popular da Mariña lucense polos máis de 600 mil euros que a Xunta investirá dun xeito inminente no Hospital da Costa para acometer diversas obras de mellora e poñer en servizo novas dotacións tecnolóxicas. O deputado popular subliña que a devandita inversión é mostra inequívoca do compromiso do Goberno popular que lidera Alberto Núñez Feijoo co centro hospitalario mariñán e co servizo público de saúde.

Á recente adxudicación da obra de reforma da cuberta, rampla, ampliación da unidade de farmacia e arquivo do Hospital da Costa, por un importe superior aos 518 mil euros hai que engadir tamén a adquisición de dous novos ecógrafos, dotados da última tecnoloxía, que entrarán en servizo para atender aos doentes nas consultas dos especialistas en xinecoloxía e radioloxía. O importe da compra destes aparatos de diagnose achégase aos 100 mil euros.

Jose Manuel Balseiro quixo insistir unha vez máis que a acción do Goberno galego bota por terra e resta total credibilidade ás falsas afirmacións que veñen facendo PSOE e BNG e nas que chegan incluso a augurar o peche e desaparición do hospital. Os máis de 100 millóns das antigas pesetas que o Goberno do PPdeG achega para o centro hospitalario mariñán –e que se suma a outros moitos investimentos como os que se están a executar coas obras na área de maternidade- reforzan o compromiso da Xunta actual co Hospital da Costa. “O bipartito nunca foi capaz de pasar do papel aos feitos, o PPdeG non só executa as obras comprometidas cos veciños da Mariña, senón que mellora os servizos do hospital con máis medios e cun investimento millonario”. –conclúe Balseiro Orol.

Exit mobile version