Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable de Cultura e Deportes da Deputación pregoou a XXXI Festa do Emigrante de Vilaronte en Foz

e

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA LEU O PREGÓN DA XXXI FESTA DO EMIGRANTE DE VILARONTE

O delegado de Cultura fixo referencia á emigración a outros puntos de Europa e dos efectos da mesma, así como a outras edicións da Festa do Emigrante

VILARONTE, 20 de agosto de 2010. O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, leu esta noite o pregón que deu inicio á XXXI edición da Festa do Emigrante de Vilaronte, en Foz, unha das celebracións máis senlleiras deste concello mariñán. No pregón, Veiga explicou que, pese a que a maior parte das veces que se fala de emigración galega se pensa en América, tamén houbo un grande número de galegos e galegas que viaxaron a outros puntos do estado na procura dunha vida mellor para as súas familias, como por exemplo Madrid ou Euskadi, e tamén a lugares de Europa como Alemaña, Francia ou Suíza.

Lembrou Veiga algunhas das pasadas edicións desta festa de Vilaronte, como por exemplo aquela de 1980 na que actuou Fuxan os Ventos, e fixo especial mención á obra “Muller” desta agrupación, que fala da emigración dun xeito emotivo referíndose ás traxedias que viviron tantas familias galegas que tiveron que separarse, ás veces, para sempre, ou cando menos durante moitos tempo.

Tamén reflexionou sobre o efecto que a emigración tivo na nosa terra, mencionou entre outras cousas que, nos anos 60 e 70, as caixas de aforro galegas estaban nacendo grazas principalmente a aquelas persoas que se atopaban traballando lonxe da casa e que enviaban aquí os seus cartos. O delegado de Cultura reflexionou acerca de que “é unha mágoa que, a pesares disto, Galiza aínda teña que estar reclamando uns instrumentos financeiros propios para xestionar o noso diñeiro”.

Por outra banda, o delegado de Cultura manifestou o seu “agradecemento á asociación cultural O Castro de Vilaronte polo esforzo realizado á hora de organizar esta festa, xa que no día de hoxe é unha alegría asistir a este tipo de celebracións que poñen en valor a nosa tradición e cultura máis propia, e non consisten en estar de pé fronte a unha orquestra máis ou menos vistosa”. Tamén deu os parabéns ao grupo de teatro Axóuxeres, que está dentro do Proxecto teatral Buxiganga que promove a Área de Cultura, e que se encargou de entreter aos asistentes esta noite despois do pregón, coa estrea da súa obra “Farsa á escocesa e matrimonio S. XXI”.

Para mañá sábado, a Festa do Emigrante propón unha ruta de sendeirismo que comezará a primeira hora da mañá, ademais dunha misa cantada pola coral Escolanía Mestre Pacheco de Mondoñedo, a sesión vermú coa Tuna Veterinaria de Lugo, ofrenda no monumento ao emigrante, festival folclórico e sardiñada popular entre outras cousas.

Exit mobile version