Site icon Crónica3.com A Mariña

Remataron en Cervo as actividades para os máis novos “Enredos de verán”

Nota de prensa
OS ‘ENREDOS DE VERÁN’ PECHÁRONSE CUNHA FESTA E AGASALLOS AOS PARTICIPANTES

Cervo, 27 de agosto de 2010.- Esta mañá tivo lugar en San Ciprián a festa de clausura das actividades lúdico-educativas “Enredos de Verán” deseñadas conxuntamente polas concellerías de Educación, Cultura e Xuventude do Concello de Cervo durante os meses de xullo e agosto destinadas aos nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.

Á celebración -que consistiu en atraccións inchables e nunha festa da espuma para todos os rapaces- asistiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e as concelleiras de Asuntos Sociais e Cultura, Pilar Armada e Chelo Gallego, respectivamente.

Unha vez rematada a festa os responsables locais repartiron a cada un dos nenos inscritos nesta primeira edición dos “Enredos de Verán” camisetas e unha orla coas fotografías dos participantes nas diversas actividades desenvolvidas ao abeiro deste programa de lecer.

Os “Enredos de Verán” foron actividades de carácter gratuíto subvencionadas na súa integridade polo Concello de Cervo nas que participaron ao redor de 70 nenos e nenas do municipio. Desenvolvéronse de luns a venres en horario de mañá e ían dirixidas a nenos e nenas nacidos entre os anos 1998 e 2006. Entre a programación deseñada figuraron actividades coma xogos inchables, obradoiros de pintura, pesca, fotografía dixital, xogos tradicionais e na praia, sendeirismo, xincanas, castelos de area, multideporte, manualidades, festas de disfraces, etc…

Exit mobile version