Site icon Crónica3.com A Mariña

Rinlo celebra a o día 14 de agosto a “VII Festa do Percebe”

RIBADEO (FNC) .- Rinlo acollerá o vindeiro 14 de agosto a VII Festa do Percebe na que se porán á venda de 500 a 600 quilos deste produto, segundo a organización. O evento foi presentado esta mañá nesa vila.

A concelleira de Cultura de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “a festa serve para poñer en valor un produto típico da costa de Rinlo como é percebe e o traballo das mulleres mariscadoras, porque son elas mesmas as que o recollen”. A edil nacionalista convidou “a todo o mundo a que se pasen o vindeiro 14 de agosto a partires das 12 da mañá polo porto de Rinlo porque ata última da hora se van poder degustar ata 600 quilos de percebes ofrecidos pola asociación de mariscadoras de Rinlo”.

A presidenta do colectivo dixo que “si o mar nos deixa poñeremos á venda entre 500 e 600 quilos de percebe e a ración de 250 gramos será a 12 euros. Contaremos con carpa, unha discoteca móbil e amenización musical durante todo o día. Empezaremos a servir o percebe sobre as 12 da mañá e esperemos que se nos esgote”. Celia Pacios engadiu que “o que pretendemos é resaltar o noso produto e levantalo un pouco porque o sector do mar e os prezos están un pouco baixos. E agardamos poder seguir mantendo a tradición. O percebe que se servirá é de Rinlo, collido polas propias mariscadoras e organizadoras do evento, entendemos que isto tamén un pouco de mérito”.

Homenaxe

A asociación de mariscadoras de Rinlo renderá homenaxe á compañeira falecida o pasado mes de decembro Antonia González. O domingo 15 de agosto haberá unha misa ás 10 da mañá e ás 11 terá lugar a colocación dunha placa na súa memoria.

Exit mobile version