Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG convoca un curso básico de prevención de riscos laborais para traballadores en activo e parados

NOTA DE PRENSA:
CURSO BÁSICO PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS (55 horas)

A Confederación Intersindical Galega (C.I.G.) a través do seu Gabinete Técnico de Prevención de Riscos Laborais vai impartir un Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais de 55 horas de duración dirixido tanto a traballadores e traballadoras en activo como desempregados/as.

Dito curso está homologado pola Consellaría de Traballo e é de carácter gratuíto, celebrarase durante os meses de setembro (data de inicio o luns dia 13) e outubro en VIVEIRO, nun horario compatible coa xornada laboral co fin de facilitar a participación no mesmo, e rematará o dia 18 de outubro.

A través deste curso os traballadores e traballadoras adquiren os coñecementos básicos en materia de P.R.L. e cumpren cun dos requisitos necesarios para poder exercer nas súas empresas coma Delegados/as de Prevención.

Dende a C.I.G. de A Mariña queremos animar aos traballadores/as a que realicen este curso pois entendemos que no Mercado Laboral actual o incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais é unha constante, coma consecuencia, entre outros factores, da precariedade, polo que é necesario que a clase traballadora coñeza os seus dereitos e as súas obrigas en materia de Prevención xa que está en xogo a súa integridade física, a súa saúde e incluso a súa vida.

Todos aqueles traballadores e traballadoras que desexen facer o curso deben pasarse polos locais da C.I.G. de Burela ou Viveiro ou chamar ós telefones Nº 982 581 861 / 982 561 541.

Exit mobile version