Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación investirá 2,2 millóns de euros en sinalización de estradas

Nota de prensa:
A Deputación executa por 1ª vez na súa historia un plan de sinalización integral das estradas dotado con 2,2 M€

– Os traballos, que se desenvolveron en tan só sete meses, incluiron a colocación de 4. 291 hitos quilométricos, máis de 3.000 sinais horizontais e verticais e 27.000 metros de biondas

– Na súa execución seguíronse criterios técnicos nos que se priorizou a necesidade da sinalización en trazados complicados como os da Montaña, e os viais que unen Concellos con grande afluencia de tráfico

– O Deputado de Infraestruturas subliña que “aumentamos a seguridade das estradas nun 300%, polo que o esforzo realizado non ten color co do Partido Popular cando estivo na Deputación”

– Martínez adianta que a partir deste mes poranse en marcha novas actuacións de mellora como un novo programa de rebacheo de todas as estradas e un plan de aglomerado en quente

O Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, anunciou este mércores que o organismo provincial rematou a sinalización da rede viaria provincial, na que investiu 2,2 millóns de euros. Trátase da primeira vez que a Deputación leva a cabo unha actuación destas características e que se inclúe dentro da aposta por mellorar o estado e a seguridade das estradas da súa titularidade. Neste senso, Martínez subliñou que “foi un plan de conservación complementario ó da Conservación, e que nunca se fixera antes nesta administración. Esta Corporación fixo un esforzo considerable que neste momentos nos permite ter identificada toda a rede viaria provincial e mellorar a seguridade dos usuarios da mesma”.

O responsable de Infraestruturas, quen supervisou a CP 2925 e que discorre polo contorno do Rato, destacou que a Deputación acometeu esta actuación en tan só sete meses, “polo que o esforzo realizado non ten color co do Partido Popular cando estivo na Deputación”. Para levar a cabo este Plan, os técnicos provinciais fixeron un informe das estradas nas que a mellora da sinalación era máis necesaria. É o caso das vías de Montaña, que polo seu trazado teñen un maior risco de accidentes e porque as pendentes e os desniveis son moi superiores ós das que discorren por outras zonas. Por outra banda, déuselle prioridade a aqueles viais que unen Concellos e que, polo tanto, teñen unha grande densidade de tráfico.

A este respecto Martínez, explicou que se colocaron 4.291 hitos quilométricos, cantidade que se corresponde co número total de quilómetros que xestiona a Deputación. “Pasamos de 0 a 100, co cal nestes momentos a rede viaria provincial está identificada na súa totalidade, de xeito que calquera persoa que teña un accidente ou algún percance nas nosas estradas sabe que é unha vía provincial e pode dicir exactamente en que punto se atopa”.

Aumento da seguridade nun 300%

A mellora das estradas é unha cuestión na que organismo provincial leva traballando intensamente durante estes tres últimos anos, co obxectivo de aumentar a súa calidade e de garantir a seguridade dos usuarios. “Hoxe podemos dicir que temos unha rede viaria segura e en perfectas condicións para os viandantes”.

Instaláronse máis de 3.000 sinais horizontais e verticais, das que 1.700 son “STOPs”no entronque das carreteras locais coas provinciais; unha medida de prevención importantísima, e coa que o organismo provincial contribúe a evitar accidentes e outras traxedias. Co mesmo fin tamén se instalaron 1.200 sinais de curvas perigosas.

Tamén se colocaron uns 27.000 metros de novas biondas e preto de 5.000 para a protección dos motoristas. Deste xeito, a Deputación garántelles ós que viaxan en moto unha conducción segura e reduce a sinistralidade nestes conductores. “Na actualidade todas as estradas teñen algún tipo de sinaliización e teñen vallas. Repito: a seguridade nas estradas aumentou un 300%”.

Neste senso, tamén anunciou que a partir deste mes o organismo provincial porá en marcha novas actuacións para mellorar a calidade da rede viaria como un novo programa de rebacheo de todas as estradas e un plan con aglomerado en quente.

Esforzo inversor na mellora da rede viaria

O Deputado de Infraestruturas sinalou o esforzo inversor que realizado polo organismo provincial na mellora das estradas que son da súa titularidade nos últimos tres anos. “Pasamos dos 5,5 millóns que se investían na Conservación antes a 12 millóns por cada anualidade con este goberno. Un proceso no que ademais coa baixa e a mellora que presentaron as empresas aforramos cartos: máis de 5 millóns de euros”. Martínez tamén subliñou que, grazas á boa xestión do actual equipo de goberno, a de Lugo é a Deputación que máis expropia de Galicia, así como o éxito do convenio asinado con 57 Concellos, a través do cal as entidades locais xestionan directamente a roza das vía provinciais, e a colaboración que presta na actualidade ós Concellos o Parque Móbil para o arranxo das vias municipais.

Exit mobile version