Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación financiará con 30 mil euros os arranxos do Camiño Norte afectado polas riadas en Ribadeo

Nota de Prensa

A DEPUTACIÓN  FINANCIARÁ CON 30.000 EUROS OS ARRANXOS DOS VIAIS DO CAMIÑO NORTE AFECTADOS POLAS RIADAS EN RIBADEO

A subvención excepcional concedida ao concello mariñao terá carácter plurianual, 5.000 euros serán aportados este ano e 25.000 o vindeiro

LUGO, 25 de setembro de 2010. Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, anunciou hoxe na rolda de prensa posterior á xunta de goberno que ven de aprobarse o convenio regulador da subvención excepcional plurianual por importe de 30.000 euros en total para o concello de Ribadeo, que serán destinados a arranxar os viais do Camiño Norte que resultaron afectados polas riadas e os temporais que aconteceron na zona da Mariña neste pasado inverno, causando danos en varios puntos da comarca.

Como explicou Antonio Veiga, os que se van arranxar coa axuda da Área de Turismo da Deputación son “viais paralelos que conflúen no camiño Norte na zona de Ribadeo, que foron danados polas últimas riadas e temporais”. Anunciou que “os traballos que se van realizar consistirán na consolidación de taludes, na retirada de restos… en definitiva, na súa posta a punto para o seu uso, sobre todo tendo en conta a importancia turística que ten o Camiño Norte, especialmente neste concello mariñao”.

Por outra banda, Veiga anunciou que na xunta de goberno, no que compete a Área de Cultura, “houbo unha proposta de declaración da perda dos dereitos ao cobramento das subvencións concedidas a 15 asociacións culturais (por valor dun total de 8.500 euros) no concurso de entidades culturais para a realización de actividades permanentes no ano 2009, e 16 no caso de subvencións de actividades eventuais (por valor de 7.400 euros). Como explicou o delegado de Cultura “isto realízase ao non ter respondido ao requirimentos feitos pola Área de Cultura, de envío dos xustificantes da realización das actividades por parte das asociacións, e ademais así tamén se axiliza a tramitación das subvencións do ano 2010, xa que moitas delas as teñen solicitado e é necesario pechar os expedientes para que se lles aboen”.

Exit mobile version