Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará o dragado do encoro de Lourenzá

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS ANUNCIA QUE A XUNTA FINANCIARÁ CON PRETO DE 1,1 MILLÓNS DE EUROS O DRAGADO DO ENCORO DE LOURENZÁ

* A delegada territorial visitou o espazo, no que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas prevé realizar uns traballos de reforma e adaptación para mellorar o abastecemento de auga do municipio
* O acordo para levar a cabo o proxecto previsto será “aprobado e formalizado de inmediato” polo Consello da Xunta, segundo expresou a representante do Goberno autonómico

Lourenzá, 30 de setembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deu o visto bo á sinatura dun convenio coa Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o Concello de Lourenzá para a execución das obras de limpeza e dragado do encoro do río Baos, situado á altura do municipio lucense.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou hoxe que a Xunta “formalizará de inmediato” o acordo para financiar o proxecto. Comunicou que está previsto “que nos próximos días o Consello da Xunta autorice a sinatura do acordo e que a finais de outubro poida procederse á licitación dunhas actuacións, que suporán un investimento de 1.068.622,10 euros”.

A delegada, que visitou a zona acompañada polo alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra, explicou que os traballos consisten basicamente no dragado do encoro, que mide algo menos de 0,5 hectáreas de extensión, ten unha presa duns 7 metros de altura, e abastece basicamente a este concello mariñao.

“Este proxecto –subliñou- mellorará claramente o abastecemento ao concello de Lourenzá, dado que na actualidade a acumulación de lodos impide a utilización óptima de todas as tomas de captación”. En todo caso, Arias destacou que, aínda que os residuos estorban o normal funcionamento do sistema, non son perigosos.

Así mesmo, a delegada confirmou que o abastecemento de auga mentres duren os traballos estará garantido mediante a construción dunha captación provisional.

O material extraído será tratado nunha planta móbil que se situará ao pé do encoro, na que se realizará o filtrado, deshidratación e prensado dos lodos. Por último, os residuos enviaranse a unha xestora autorizada que se fará cargo da súa reciclaxe ou eliminación, segundo proceda en cada caso.

A duración estimada dos traballos de dragado, que o informe técnico recomenda efectuar nos meses de verán, é aproximadamente de catro meses, durante os cales se garantirá a subministración de auga aos veciños mediante a citada captación provisional emprazada na cola de encoro

Exit mobile version