Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos dun curso de instalación solares farán prácticas no concello de Cervo

Nota de Prensa

OS 15 INTEGRANTES DO CURSO DE TÉCNICO DE INSTALACIÓNS SOLARES TÉRMICAS FARÁN AS SÚAS PRÁCTICAS EN DEPENDENCIAS MUNICIPAIS

* Os alumnos son desempregados e fórmanse dende o pasado xullo nun curso que está  sendo impartido en San Roman e Sargadelos pola Fundación Laboral da Construción en colaboración co Concello de Cervo

* Esta oferta formativa promovida dende o Concello ven a cumprimentar outras iniciativas deste tipo coma o Obradoiro “Terras de Azul Cobalto”

Cervo, 3 de setembro de 2010.- Esta mañá responsables da Fundación laboral da Construción realizaron unha visita ao Concello de Cervo para facer un seguimento do curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas que está desenvolvendo esta institución dende xullo pasado conxuntamente co Concello de Cervo nos núcleos de Sargadelos e San Román e no que participan quince traballadores desempregados .

Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, ademais de comprobar como se estaba desenvolvendo a devandita acción formativa, os responsables da coordinación do curso acordaron xunto cos responsables municipais que os alumnos que están a recibir a formación realicen as súas prácticas nas diversas instalacións municipais.

O curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas dirixido a traballadores desempregados e ao amparo do Plan de Accións Formativas da Xunta de Galicia está organizado polo Concello de Cervo e a Fundación Laboral de la Construción e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O curso comezou o 13 de xullo e está previsto que remate o 18 de novembro. Neste período os alumnos simultanearán a formación teórica nas Escolas Unitarias de San Roman e na nave de prácticas coa que conta o Concello no núcleo de Sargadelos.

PRÁCTICAS

Unha vez rematada esta primeira fase formativa, os alumnos abordarán agora unha segunda xeira consistente na realización de prácticas profesionais que realizarán nas distintas instalacións e dependencias municipais do termino municipal. As prácticas estarán dirixidas e supervisadas por dous titores, un pertencente á Fundación Laboral da Construción e outro ao Concello. “Deste xeito o que se pretende é facilitar a inserción laboral dos alumnos que realizan estes cursos ocupacionais e ao mesmo tempo o Concello poderá levar adiante traballos de mellora nas súas instalacións” indicou o alcalde.

O rexedor lembrou que o Concello de Cervo mantén dende hai anos unha fluída colaboración con entidades adicadas á formación  “e queremos seguir nesa liña de fomento e potenciación da celebración deste tipo de cursos dentro do termo municipal” dixo o rexedor.

Nesta liña de traballo se enmarcan accións coma o curso de ebanistería iniciado o pasado mes de abril en colaboración co Centro de Formación Ocupacional de Viveiro e a Xunta de Galicia; ou máis recentemente o Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto” que comezou a funcionar a principios de xullo e que da emprego e formación a 27 persoas.

“Queremos continuar profundando nesa liña de rendibilizar esforzos con todos os actores implicados de cara a contribuír á formación dos nosos traballadores para que poidan superar a actual crise laboral mediante unha mellor preparación profesional e para que poidan competir no mercado laboral coas máximas garantías” recalcou Villares.

Exit mobile version