Site icon Crónica3.com A Mariña

Calcula o PP que “hoxe o Hospital da Costa dispón dun orzamento maior que en 2009”

Nota de Prensa

Unha vez máis os socialistas manipulan a realidade e falsean as datos para enganar aos veciños da Mariña en materia de sanidade.

BALSEIRO LEMBRA A REGO QUE HOXE O HOSPITAL DA COSTA DISPÓN DUN ORZAMENTO MAIOR QUE EN 2009 E QUE A PARTIDA DE OBRAS CONSIGNADA EN 2010 DUPLICA A PREVISTA POLO BIPARTITO

* O deputado socialista minte:

o O Goberno do Partido Popular destina para este centro hospitalario 38.1 millóns de euros unha cantidade superior á prevista polo bipartito en 2009: 37,8 millóns.

o A contía consignada pola Xunta popular para obras no Hopsital da Costa -máis dun millón de euros- é o dobre da prevista polo bipartito -671.000 euros-

* A Xunta popular dota tamén ao hospital da melloras tecnolóxicas e novas ferramentas de traballo, como son tres novos ecógrafos para os servizos de cardioloxía, xinecoloxía e radioloxía valorados en 169.000 euros.

A Mariña, 2 de setembro de 2010.- Os socialistas veñen incorrendo nos últimos tempos en informacións gravemente manipuladas ou directamente falsas en relación cos compromisos da Xunta co Hospital da  Costa e hoxe, unha vez máis, asistimos a un episodio de evidente distorsión da realidade por parte do deputado Ismael Rego, probablemente nun intento desesperado por confundir de novo á cidadanía da comarca, despois do fracaso das mobilizacións promovidas polas antigas forzas do bipartito e colectivos afíns.

O parlamentario do PSOE chega a afirmar que neste momento o orzamento do Hospital da Costa é menor que cando gobernaba o bipartito e fala incluso de que o Goberno de Feijoo “non consignou nin un só euro a maiores nos orzamentos de 2010” para desenvolver obras no centro hospitalario. Ambas informacións son totalmente falsas, pois tal e como demostra o deputado popular Jose Manuel Balseiro remitíndose a datos oficiais, “non só o Hospital da Costa dispón dun orzamento maior que en 2009 –últimas contas elaboradas polo bipartito- senón que ademais a partida para obras duplica á prevista polos orzamentos de PSOE e BNG”

MÁIS ORZAMENTO PARA O HOSPITAL

Mentres que no 2009 o Hospital da Costa dispoñía dun orzamento de 37.8 millóns de euros, un ano despois, o Goberno do Partido Popular destina para este centro hospitalario 38.1 millóns de euros, unha cantidade superior, incluso a pesar de que as contas autonómicas no seu cómputo global descenden preto dun 1%. O PP achega para demostrar esta cifra as táboas oficiais contidas nos orzamentos da Xunta para ambas anualidades.

O PP INVISTE O DOBRE QUE O BIPARTITO EN OBRAS

A segunda das falsidades nas que incorre Ismael Rego é negar o incremento na partida para obras e outras actuacións, cantidade que se duplica co Goberno do PPdeG xa que pasa de 671.006 euros en 2009 a máis dun millón de euros en 2010. (1.028.156 euros concretamente).

Precisamente grazas a esta previsión orzamentaria hoxe o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijoo pode desenvolver diversas actuacións comprometidas polo bipartito pero que a Xunta anterior nunca tivo vontade de executar, como son a obra de reforma da área de maternidade do Hospital (neste momento en execución) ou a inminente de reforma da cuberta, rampla de acceso, e ampliación dos espazos de farmacia, arquivo e sala de espera.

Como unha mostra máis da falta de compromiso e desidia do bipartito con respecto ao sistema público de saúde, os populares lembran que a Consellería de Sanidade cando estaba xestionada polo PSOE non tivo máis remedio que recoñecer, nunha resposta oficial por escrita a Balseiro, que non executaba as partidas orzamentarias que executaba en favor do noso Hospital. De feito tanto en 2007 como en 2008 o grado de execución da partida orzamentaria para obras neste centro foi do 0%, nin un só euro investiu, pese a telo consignado e previsto.

DAS PALABRAS AOS FEITOS

Pola contra, o Goberno de Galicia, co PPdeG pasa das palabras aos feitos, desenvolvendo obras e dotando ao Hospital da Costa de melloras tecnolóxicas como acontecerá coa inminente posta en marcha dos novos ecógrafos, que contribuirán a prestar un mellor servizo aos doentes e usuarios do hospital. A Xunta popular preocúpase así tamén de procurar ferramentas de traballo eficaces e efectivas para os profesionais e instrumentos que mellorarán a diagnose. Os ecógrafos para xinecoloxía, cardioloxía e para o servizo de radioloxía (este último chegará en outubro) superan un investimento de 169.000 euros.

Exit mobile version