Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo aumenta o prazo para solicitar axudas para material escolar de educación infantil

Nota de prensa:
As axudas dependerán das rendas das familias solicitantes e oscilarán entre 100 e 130 euros

O PRAZO PARA ACCEDER ÁS AXUDAS MUNICIPAIS PARA A COMPRA DE MATERIAL ESCOLAR DOS ALUMNOS DE SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL PRORRÓGASE ATA O 5 DE OUTUBRO

Cervo, 29 de setembro de 2010.- A concelleira de Educación de Cervo, Yolanda Pedreira, informou que o prazo para a presentación de solicitudes de axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar destinada aos alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do municipio para o presente curso 2010-2011 prorrogarase ata o vindeiro 5 de outubro.

Así o recolle o Boletín Oficial da Provincia do pasado luns, onde tamén se inclúen outras modificacións das bases reguladoras que rexen estas subvencións municipais. Segundo indicou Pedreira, o motivo desta modificación obedece a que o Goberno local foi coñecedor da chegada de novas familias ao término municipal nos últimos meses “e cremos conveniente que puideran ter tamén opcións de acceso a este tipo de axudas” indicou.

Nestas modificacións establécese tamén a apertura dun prazo extraordinario dun mes contado dende a data en que se comunique oficialmente a concesión da axuda a efectos de xustificación da devandita subvención, sendo en todo caso a data límite para a presentación dos xustificantes oportunos o 31 de decembro de 2010. Tamén se aumenta a contía inicialmente prevista polo Goberno local para cubrir a demanda de subvencións, pasando de 4.000 a 5.000 euros o gasto que destinará o Concello para esta liña de Axudas.

Pedreira lembrou que estas axudas do Goberno municipal de Cervo perseguen “o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación” mediante a compensación económica a aquelas familias que polas súas condicións socioeconómicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da adquisición de libros e de material escolar. “Creemos que a Educación ten que ser unha das bases fundamentais do noso concello e dende o grupo de Goberno estamos traballando para que así sexa, porque creemos que a Educación debe ser o motor principal do futuro do noso municipio” recalcou a edil cervense.

As axudas poderán ser solicitadas por aquelas unidades familiares empadroadas no municipio que teñan fillos de tres a cinco anos (segundo ciclo de Educación Infantil) e que non superen o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) per cápita. A súa contía será de 130 euros para as rendas das familias cuns ingresos per cápita iguales ou inferiores ao IPREM e de 100 euros para aquelas familias que non superen o 150% do IPREM nos seus ingresos per cápita.

Para formalizar as solicitudes os beneficiarios terán que proporcionar a fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, a fotocopia do Libro de Familia, a declaración da Renda 2010 de todos os membros computables da familia ea factura de compra ou presuposto dos libros e material escolar dalgún establecemento comercial do municipio.

Na pasada convocatoria destas axudas o Concello investiu máis de 3.000 euros en subvencións para un total de 42 alumnos e incidiu en que esta é so unha das moitas iniciativas artelladas polo Concello de Cervo en materia educativa. Con arredor de 400 alumnos matriculados en ensinanzas non universitarias, o Concello de Cervo é o municipio da Mariña que máis recursos económicos destina porcentualmente en apoio á Educación (ao redor de 61.000 euros ao ano)

Exit mobile version