Site icon Crónica3.com A Mariña

Declaración institucional da Xunta no Día Mundial do Alzheimer

Nota de prensa:
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER
A enfermidade de Alzheimer é actualmente a demencia máis común en todo o mundo e representa entre o 60 e o 80% da totalidade de casos que sofren este deterioro. Esta xunto con outras demencias, son síndromes cerebrais dexenerativos e progresivos que afectan á memoria, ao pensamento, ao comportamento e ao estado emocional da persoa, producindo un gran impacto na autonomía persoal dos que as padecen e nas vidas das persoas coas que conviven, especialmente daquelas que se encargan día a día dos coidados.

O Alzheimer e as demencias neurodexenerativas son afectacións tradicionalmente asociadas á vellez, cunha prevalencia que aumenta de forma exponencial entre os 65 e 85 anos, acadando un 20% para as persoas maiores de 80 anos e un 25% para as persoas maiores de 85 anos, e cunha maior prevalencia nas mulleres. Cada ano detéctanse 4.6 millóns de casos novos deste tipo de demencias no mundo. Un caso novo cada sete segundos. Así mesmo proxéctase que no ano 2050 haberá 100 millóns de persoas con este tipo de enfermidade no mundo. En España son 600.000 os enfermos de Alzheimer a día de hoxe, pero calcúlase que esta cifra se vai duplicar no prazo de 20 anos. En Galicia existen actualmente 50.000 persoas diagnosticados de Alzheimer, cunha progresión ascendente.

A magnitude destas cifras xustifica os esforzos que desde diversas instancias públicas e privadas se están facendo no campo da investigación e da atención a este colectivo. Neste eido a Comisión Europea aprobou no ano 2009 una iniciativa sobre a enfermidade do Alzheimer e outras demencias para que os estados membros traballen conxuntamente.
Neste Día Mundial do Alzheimer, o Goberno galego quere manifestar o seu compromiso co apoio ás persoas que padecen esta enfermidade e outras demencias neurodexenerativas, así como aos seus familiares e coidadores, que desenvolven un papel fundamental.

O Goberno da Xunta de Galicia asumiu, como un compromiso prioritario dentro das súas políticas sociais, incrementar o número de prazas en centros de día de atención á dependencia, dirixidos especificamente a persoas que padecen Alzheimer, promovendo a creación dunha rede de centros especializados na atención a este tipo de enfermos. Deste xeito, ao peche deste ano, Galicia contará con 180 prazas máis que hai un ano, o que supón un incremento dun 77% sobre os recursos que había.

A posta en marcha destes equipamentos ten como obxectivo garantir unha atención de calidade ás persoas que padecen Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas.

Ao mesmo tempo, estamos a traballar para potenciar a participación dos familiares nas actividades desenvolvidas nos centros integrados na rede, fundamentalmente a través das entidades sen ánimo de lucro, representadas mediante as asociacións de familiares das persoas que padecen Alzheimer.

Por iso, coincidindo co día mundial do Alzheimer o Goberno Galego ven de asinar un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Familiares de enfermos de Alzheimer e outra demencias coa finalidade de promover o desenvolvemento de actuacións destinadas ás entidades de iniciativa social que traballan neste eido.
O proceso de envellecemento da sociedade actual xunto coa incorporación da muller á vida laboral está a incrementar progresivamente o número de persoas en situación de dependencia, o que precisa de máis profesionais neste ámbito. Estas actividades laborais, ademais, son as que arroxan mellores resultados en Galicia se temos en conta a súa evolución contractual nos últimos cinco anos, pese ao momento actual do mercado de traballo.

Por iso, o departamento autonómico considera preciso priorizar e aumentar o nivel de formación, tanto para os traballadores deste sector en activo, como para aqueles que vexan neste ámbito unha posibilidade real de inserción no mercado laboral, por iso, en colaboración coas entidades que traballan neste ámbito, elaborouse un módulo específico sobre alzheimer para as persoas coidadoras non profesionais que teñen ao seu cargo persoas afectadas por esta demencia.

A través destas iniciativas o obxectivo da Xunta de Galicia é claro e a nosa decisión é firme: intentaremos mellorar a calidade de vida dos afectados pola enfermidade de Alzheimer e á das súas familias, ata que a investigación e a ciencia non atopen solución definitiva a esta doenza.

Nesta liña apoiamos iniciativas como “Alzheimer Internacional 2011: el Año de la Investigación en Alzheimer”, que impulsan conxuntamente a Fundación Pasqual Maragall e a Fundación Reina Sofía, co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación, do Ministerio de Sanidade e Política Social e do Ministerio de Economía e Facenda, así como da Fundación Centro de Enfermedades Neurológicas y del Instituto de Salud Carlos III.

A prevención do Alzheimer é posible, e o seu coidado pode mellorar a calidade de vida das persoas con demencia e a dos seus familiares. Por esta razón apostamos por fomentar a creación dunha rede galega de centros especializados para toda a comunidade galega, liderado por un proxecto de referencia nacional no que participa a Fundación Raiña Sofia onde se mestura Investigación e eficacia, ao mesmo tempo que garantimos todo o respecto, a máxima atención e cariño para os enfermos, os coidadores e ás súas familias.

Exit mobile version