Site icon Crónica3.com A Mariña

Jesús Fernández López foi nomeado fillo predilecto de Foz nun emotivo acto no que participaron centos de persoas

Cando faltaban só uns minutos para o mediodía, o xornalista Anxo Rivas pedía ao público que abarrotaba o salón do Bahía que tomase asento e inmediatamente despois comezou a desenvolverse o extenso programa de actos previstos. Tras unhas breves palabras do mantenedor do acto -o xornalista Fidel Fernán-Bello-, ás que seguiron as notas do Himno de Foz interpretadas pola Banda de Música local, o escritor e director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega pronunciou un discurso con numerosas referencias a momentos compartidos co homenaxeado: coincidencia en Lugo durante a etapa de estudo do Bacharelato, encontros posteriores en Foz ou en Pol, campañas de divulgación do potencial turístico da Mariña, Feiras do Libro, etc.
Seguidamente, D. Manuel Rodríguez Luaces, en funcións de Secretario do Concello, deu lectura da acta da sesión plenaria da corporación na que se acordou por unanimidade a distinción de Suso Fernández como Fillo Predilecto de Foz e o alcalde, José María García Rivera, impúxolle ao homenaxeado a medalla do concello e fíxolle entrega do diploma que acredita o nomeamento. Foi entón o turno de palabra do novo Fillo Predilecto de Foz, que pronunciou un discurso con ton moi emotivo que lle deu voz ás lexítimas reivindicacións da cidadanía focega (moi especialmente as infraestruturas portuarias e o PAC). Sen esquecer tamén diversos avatares do seu propio periplo vital –aos que tamén tiña aludido José Ramón Ónega-, Suso Fernández recordou a súa implicación en determinadas iniciativas cidadás e fixo unha breve semblanza da metamorfose que produciron na vila de Foz o turismo e a implantación na comarca do complexo industrial de Alúmina-Aluminio. Especial relevancia tiveron as súas palabras para destacar os vínculos que unen a Foz e Mondoñedo.
A única alteración do protocolo produciuse inmediatamente despois, cando o presentador do acto solicitou a intervención do director do IES de Foz para que dese lectura a unha declaración emitida polo claustro do profesorado do centro educativo. Nemesio Rodríguez, antes de ler o comunicado, pronunciou unha breve alocución na que lembrou a contribución de Suso Fernández para a construción do centro de ensino e as súas numerosas colaboracións en calidade de membro da AMPA e actualmente de Cronista Oficial.
Coa entrega dos exemplares do libro Entre Amigos, que recolle colaboracións de máis de cen persoas de moi diversas procedencias, a actuación de Arcadio Mon cantando o tema “Amigo Suso” e a intervención do Alcalde de Foz foise chegando ao punto e final das actividades matutinas, que finalizaron coa interpretación conxunta da Coral Polifónica e a Banda de Música de Foz dunha versión do Nabucco de G. Verdi escrita por Francisco Piñeiro.

Comida popular

Unhas 300 persoas acompañaron a Suso Fernández e á súa familia nun xantar popular celebrado no pavillón polideportivo do IES de Foz. Pouco despois das 14:30 horas os comensais reuníronse arredor de 30 mesas para degustar un menú elaborado integramente con produtos “da Terra” que foi magnificamente servido pola empresa Catering Chao dos Navais de Trabada.
Na mesa presidencial acompañaban a Suso Fernández e a súa esposa Mª Dolores F. Ramudo o subdelegado do goberno, José Vázquez Portomeñe; o alcalde de Foz, José Mª García Rivera; o maxistrado e Fillo Predilecto de Foz, Xosé Xoán Barreiro Prado; o director do Instituto, Nemesio Rodríguez; e os xornalistas José Ramón Ónega e Fidel Fernán-Bello, ambos especiais co-protagonistas dos actos de homenaxe.
Nas mesas inmediatamente próximas situábanse os familiares do homenaxeado e unha nutrida representación da sociedade civil focega, encabezada pola corporación municipal en pleno e polo representante da Deputación de Lugo Antonio Veiga Outeiro. Tamén asistiu o ceramista focense afincado en Viveiro, Alfonso Otero Regal.
Finalizado o xantar, o xornalista  Anxo Rivas tomou de novo a palabra, desta vez para dar lectura a diversos saúdos chegados de diversos puntos das xeografías galega e española e para introducir unhas breves intervencións de representacións asociativas como as do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, dos Amigos do Camiño Norte e da Irmandade dos Cabaleiros de Pardo de Cela. Ademais da lectura de comunicacións enviadas polo Cronista Oficial de Viveiro e por Afonso Branco Torrado, tamén tomaron a palabra o presidente da Coral Polifónica de Foz e o mindoniense Luís F. Ansedes, que actuou como portavoz das diversas asociacións chegadas de Mondoñedo.

Exit mobile version