Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo está satisfeito de que Medio Ambiente aprobara as normas urbanísticas de Lieiro

Nota de Prensa
A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE APROBA DEFINITIVAMENTE A MODIFICACIÓN DAS NORMAS URBANÍSTICAS DE LIEIRO

* O DOGA recolle hoxe esta resolución coa que o Concello pretende regular o asentamento poboacional de 44.730 metros cadrados deste núcleo

Cervo, 16 setembro de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOGA) publica hoxe a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Cervo, no núcleo rural de Lieiro.

Este troco na cualificación urbanística afectará a un total de 44.730 metros cadrados desta parroquia cervense, que pasarán de ser solo urbanizable a ter a cualificación de núcleo rural complexo e dividirase en dúas áreas: o núcleo rural histórico tradicional, que contén 20 vivendas de tipoloxía tradicional, cunha superficie de 35.070 m2, e outra área de núcleo rural común, que ten unha superficie de 9.660 m2.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosouse satisfeito por esta aprobación definitiva da Xunta de Galicia e lembrou que dende o grupo de Goberno local se leva traballando “dende hai moito tempo” para conseguir este cambio de denominación urbanística do núcleo de Lieiro. “Con isto o que pretendemos é, por unha banda, posibilitar nesta zona a construción de vivendas unifamiliares que ata o momento non era posible, e por outra protexela da potencial transformación urbanística, xa que se trata dun núcleo de poboación moi singularizado tanto pola tipoloxía tradicional das súas edificacións como pola súa vinculación coa explotación racional dos recursos naturais e deste xeito evitaremos que se poidan levar adiante actuacións urbanísticas nel que podan poñer en perigo a ordenación racional desta área e a preservación dos valores existentes na mesma” indicou o rexedor.

Segundo adiantou o alcalde, a nova normativa podería entrar en vigor en aproximadamente unha semana, unha vez saia publicada no Boletín Oficial da Provincia.

Exit mobile version