Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta á Xunta de Galiza a evitar os despedimentos de Sargadelos e garantir a viabilidade da empresa

NOTA DE PRENSA

CERVO

O PLENO DO PARLAMENTO DEBATERÁ O DÍA 28 UNHA INICIATIVA NACIONALISTA DE APOIO Á VIABILIDADE E MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO DA CERÁMICA DE SARGADELOS  AO QUE ACUDIRAN TRABALLADORAS DA FÁBRICA

Os nacionalistas instan á Xunta de Galiza a evitar os despedimentos e garantir a viabilidade da empresa que ten previsto o despedimento de 26 persoas na planta de Cervo nun debate que terá lugar no pleno do 28 de setembro.

O BNG de Cervo esixe á Consellaría de Traballo a revisión con lupa dun ERE que non se xustifica e que está derivando “nunha caza de bruxas” sen precedentes nesta empresa

Cervo, 25 de setembro de 2010. Os parlamentares do BNG, Fernando Blanco e Henrique Viéitez asinan unha Proposición Non de Lei que se debaterá o vindeiro 28 de setembro na que instan á Xunta de Galiza a garantir o mantemento do cadro de persoal existente hoxe nas dúas plantas de fabricación de cerámica que o grupo ten nas localidades de Sada e Cervo, que concretamente afectaría nesta última localidade a 26 persoas, maioritariamente mulleres que perderían o seu posto de traballo; ademais esixen a posta en marcha de todas as ferramentas existentes por parte do goberno galego para garantir a viabilidade deste proxecto empresarial singular.

Os nacionalistas agardan o apoio unánime da Cámara Galega que daría continuidade ao aprobado en Cervo polo pleno que esixía o rexeitamento do ERE por inxustificado.

Non sería lóxico que a Cámara Galega non aprobase por unanimidade a proposta dos parlamentares nacionalistas a debate o vindeiro martes 28, dando continuidade a acordos unánimes do pleno de Cervo de maio de 2009 e do pasado 17 de setembro,  a Xunta non pode observar con pasividade a morte dun proxecto industrial e cultural como Sargadelos que naceu fai agora 40 anos. Neste sentido esixen a revisión con lupa do ERE presentado pola empresa xa que dubidan da súa xustificación. Na mesma liña instan ao goberno galego a poñer en marcha todas as ferramentas necesarias para garantir a viabilidade da empresa e o seu proxecto cultural.

Durísimo golpe para moitas familias e para o conxunto da economía cervense.

O BNG cervense argumenta que moitas familias de Cervo con moitos anos de servizo nesta empresa, especialmente mulleres e as súas familias dependen da boa ou mala xestión da súa dirección e das súas intencións de futuro para esta planta, cuxas decisións afectarán tamén ao conxunto da economía da localidade. Neste sentido admiten a súa preocupación polas intencións da actual dirección de Sargadelos, “que non se sabe o que quere á vista dunhas decisións que contradín o Plan de Viabilidade que a propia empresa encarga”. Para o BNG “o número de despedimentos pode non rematar nos 26 previstos na actualidade”, sendo un feito que a Reforma Laboral aprobada polo goberno do Estado “ponllo fácil para continuar na mesma dirección”.  Os nacionalistas insisten en que este ERE debe ser revisado con lupa pola Consellaría de Traballo, “xa que estamos seguros da súa improcedencia” e existen alternativas menos traumáticas que as propostas pola dirección, que non foron aceptadas.

Ao debate acudirán un grupo de traballadoras da planta de Sargadelos.

Por último, dende o BNG anunciaron a presenza no debate dun grupo de traballadoras da planta de Sargadelos que agardan non ser decepcionada polos partidos políticos e especialmente polo Parlamentar e concelleiro e Cervo, José Manuel Balseiro. Neste sentido os nacionalistas volveron criticar a actuación de Balseiro no pleno do pasado día 17, que lonxe de aceptar unha proposta inicial que partía do propio Comité de Empresa, emendouna e tratou en todo momento de xustificar o ERE e derivar responsabilidades a outros gobernos cando quen ten competencias para decidir sobre o procedemento e a Consellaría de Traballo.

Exit mobile version