Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS defende na quinta xornada a imbatibilidade de Vista Alegre ante o Unión África Ceutí

Nota de Prensa

O UNIÓN ÁFRICA CEUTÍ RECALA NO PARAPETO BURELISTA

O cadro laranxa buscará mañá, na quinta xornada de Prata, manter a imbatibilidade de Vista Alegre. O Unión África Ceutí recalará por primeira vez no parapeto do Burela FS, representando a décima praza, cun punto menos cós de Suso Rey, que están sextos (7 puntos). A cita dará comezo ás 18.30 horas.

Os burelistas enfrontaranse a un conxunto con especial predilección pola defensa a media pista, que intenta aproveitar o erro do rival, ademais de espremer a calidade dos seus mellores xogadores no un contra un. Xunto ao ala ex-burelista Jacobo, o vestiario de Suso Rey tamén posúe referencias ceutís de Serginho e Kike Barroso, cos que xa se enfrontou no Andorra e no Cáceres 2016, respectivamente, ademais de Salvi, que participou nos adestramentos estivais da entidade laranxa hai un par de tempadas.

Sendo fiel a unha liña de evolución continua, o Burela FS pelexará pola súa terceira vitoria como local, despois do valioso empate en Andorra (2-2). O Ceuta, pola súa banda, saltará á pista da bomboneira tras unha enérxica vitoria fronte ao OPDE Ribera Navarra (3-1); antes da xornada de descanso, este conxunto caeu como local ante o Puertollano (1-5) e venceu a domicilio ao descendido Zamora (3-4).

Entre os mariñáns, non poderá participar Víctor Cachón, inmerso en plena recuperación dunha rotura parcial de ligamento lateral interno. Na convocatoria ceutí figuran os gardametas Cárdenas e Abel Casas, ademais dos xogadores Kike Barroso, Coca, Sufi, Ismael, Chito, Serginho, Salvi, Jacobo e o xuvenil Tuli.

Recollida de carnés

Os socios/as 2010-11 que aínda non teñan no seu poder a acreditación desta tempada poderán recoller a entrada, totalmente gratuíta, para o encontro Burela FS-Ceuta, o sábado en Vista Alegre. A partir de mañá, os socios/as laranxas só poderán acceder ás citas burelistas presentando o carné actualizado.

As devanditas credenciais pódense retirar exclusivamente nas oficinas do club (Horario de atención: 10.00-14.00 e 16.00-20.00 horas, de luns a venres). Con este carné, o Burela FS e miapuesta.com obsequian os socios/as laranxas cun bono de 50 euros para participar nos xogos de www.miapuesta.com/clubes.

Exit mobile version