Site icon Crónica3.com A Mariña

O director xeral de Medio Ambiente da Xunta destacou en Ribadeo as potencialidades da Mariña

Nota de Prensa

O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe destaca en Ribadeo que o Plan de ordenación do Litoral mellora e protexe o 50% da superficie deste municipio

*
Manuel Borobio participou nunha mesa redonda sobre “A protección e ordenación do litoral galego” no marco das XIII Xornadas Ambientais de Ribadeo
*
O Plan representa unha rigorosa posta ao día do coñecemento do litoral galego
*
En Ribadeo achou que o 44% da superficie de solo xestionado corresponde a cultivos e prados, o 36% é solo forestal de repoboación e un 8% corresponde a usos artificiais do chan

Ribadeo, 16 de setembro de 2010.- O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia destacou esta tarde en Ribadeo as potencialidades da Mariña lucense e instou a todos os municipios encadrados no ámbito de xestión do Plan de ordenación do Litoral a adoptar os criterios e a filosofía deste plan territorial de cara a acadar unha conservación e crecemento sustentable.

Durante a súa ponencia sobre “O Plan de Ordenación do Litoral de Galicia”, enmarcada dentro das XIII Xornadas Ambientais de Ribadeo, Manuel Borobio expuxo detalladamente os traballos levados a cabo ata o momento para o desenvolvemento do Plan do Litoral, que se atopa actualmente a 15 días da fin do período de información pública, logo da publicación da orde de aprobación inicial o pasado 30 de xullo no DOG.

Borobio indicou que o Plan de Ordenación do Litoral, xunto coas Directrices de Ordenación do Territorio, que se están a tramitar en paralelo, permitirá a finais deste ano 2010 “rachar coa ausencia de figuras de ordenación do territorio”. Para a configuración do Plan do Litoral realizouse un estudo exhaustivo da costa galega a prol dun modelo territorial propio, para poder regular o litoral con principios xerais “pero coñecendo quilómetro a quilómetro a costa que temos”, destacou. Neste senso, o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe indicou que “o plan proporciona unhas regras de xogo claras en toda a franxa litoral, con criterios homoxéneos para regular a construción e ordenar o conxunto da costa, analizando concello a concello as circunstancias especiais en cada termo municipal”.

Fácil adaptación
Respecto a Ribadeo, Manuel Borobio explicou que este municipio non terá ningún problema para adaptarse aos criterios do Plan de Ordenación do Litoral, segundo a información facilitada polo concello ata o momento. O ámbito de xestión do Plan do Litoral abrangue case o 50% da superficie do concello (unhas 5.300 hectáreas sobre o total de 10.700), da que a meirande parte (o 44%) corresponde con cultivos e prados. Os usos forestais supoñen o 36% da superficie (1.945 hectáreas) e un 8% da superficie corresponde a usos artificiais.

A detallada análise levada a cabo para a configuración do Plan de Ordenación do Litoral identificou neste municipio 13 praias, cinco Bens de Interese Cultural (BIC), así como 15 elementos de patrimonio arqueolóxico e un total de 114 elementos de patrimonio etnográfico, entre outros.

En total, o Plan de Ordenación do Litoral abrangue unha superficie de estudo de 215.865 hectáreas, que se dividen en 428 unidades litorais e 13 prelitorais correspondentes a 34 sectores costeiros que reflicten a diversidade das sete zonas costeiras identificadas (A Mariña lucense, Rías Altas, Golfo Ártabro, Arco Bergantiñán, Costa da Morte, Rías Baixas e Costa Sur).

O documento, que se atopa na recta final do seu trámite de información pública –remata o 1 de outubro-, ordena o litoral segundo as áreas de Protección Ambiental, Mellora Ambiental e Paisaxística e Ordenación Litoral; así como outros elementos de protección: corredores, espazos de interese e a Rede de Espazos Naturais de Galicia. Esta estrutura establece a forma en que se poden levar a cabo os diferentes desenvolvementos en función da área do plan na que se atopen.

Nin se expropian nin se tiran vivendas
É tamén reseñable, segundo informou o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, que coa aplicación do Plan de Ordenación do Litoral non se tiran construcións nin se expropian vivendas. “Este Plan non altera o réxime urbanístico do solo, senón que establece como se pode ocupar”, explicou. Ademais, ningunha construción queda fóra de ordenación polo Plan. Manuel Borobio indicou que o obxectivo é que “este plan se vaia inserindo nos plans xerais de ordenación municipais, para ir conformando, en consecuencia, a nova cultura urbanística do litoral e que teña unha prevalencia e unha vocación de permanencia nos 82 concellos nos que é de aplicación. Falarase dun antes e un despois do Plan de Ordenación do Litoral”, dixo.

Toda a información sobre o Plan de Ordenación do Litoral pódese consultar a través da web www.xunta.es/litoral, así como na Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, así como nos Departamentos Territoriais da Consellería

Exit mobile version