Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo repite unha iniciativa que levou a cabo hai dous meses e limpa estradas da Deputación

Nota de Prensa

O CONCELLO VOLVE A FACER TAREFAS DE MANTEMENTO DAS CUNETAS DOS VIAIS DA DEPUTACIÓN DIANTE DA CONTINUA PASIVIDADE DO ORGANISMO PROVINCIAL

* Ao igual que xa fixeran hai dous meses, operarios municipais realizan estes días a limpeza das cunetas da estrada que une Río Cobo con San Ciprián

Cervo, 21 de setembro de 2010.- O Concello de Cervo vese na obriga de volver a facer tarefas de limpeza e mantemento dalgún dos numerosos viales que posúe a Deputación Provincial dentro deste termino municipal. Concretamente varios operarios municipais realizan estes días tarefas de limpeza e roza da maleza existente nas marxes da estrada provincial LU-1501 que une os núcleos de Río Cobo e San Ciprián.

Segundo lembrou a edil de Medio Ambiente, Pilar Armada, “non é a primeira vez que o Concello ten que facerse cargo dunhas obrigas que non lle pertencen, e todo pola pasividade e pasotísmo da que ven facendo gala a Deputación no que atinxe ao coidado das súas estradas” recalcou Armada.

“Despois de que fixeramos infinidade de peticións para que acometeran estes traballos en xuño, ao igual que fan noutros concellos da provincia , os responsables políticos na Deputación amosaron unha vez máis a súa inoperancia cando hai unhas semanas se dignaron por fin a rozar varias estradas do concello. Pero, ao parecer, estes traballos non quedaron ven feitos porque agora nós temos que ir detrás cortando os brotes verdes que eles esqueceron quitar” sinalou a edil do grupo de Goberno local quen asegurou que este proceder dos responsables do organismo provincial deixa de manifesto “a vagancia e inoperancia” dos responsables provinciais, “entre os que figura a concelleira cervense Lara Méndez”

Armada indicou tamén que os traballos continuarán por outras estradas do municipio de ámbito provincial “namentres seguimos esperando a que a Deputación se digne a asumir as súas responsabilidades dunha vez por todas e con tódalas súas consecuencias”.

Para Armada, este comportamento “permisible de máis” da Deputación nalgúns dos seus traballos de mantemento nas infraestruturas da súa titularidade “coincide sempre sospeitosamente” con concellos que non son da súa cor política. “Non nos parece lóxico que para levar adiante tarefas en determinados concellos os responsables políticos da Deputación sexan exquisitos e dilixentes ao cen por cen, mentres que para outros concellos coma o noso, esa dilixencia se converta en pasividade e laxitude.  Se por algo se teñen caracterizado nestes tres anos e medio os membros do equipo de Goberno provincial do que forma parte a señora Méndez é por ter sempre os seus deberes sen facer e pola folganza en todo o que teña que ver con algúns municipios moi concretos e en particular co Concello de Cervo” recalcou a edil do grupo de Goberno local.

Exit mobile version