Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cualifica de “bochornosa” a actuación dos inspectores de traballo no ERE de Sargadelos

Nota de prensa:
Os socialistas tiñan un discurso diferente ante os empregados da empresa cerámica e outro ben distinto ante a dirección da compañía

BALSEIRO AFIRMA QUE O PSOE MENTIU EN TODO MOMENTO AOS TRABALLADORES DE SARGADELOS

· O deputado cualifica de “bochornosa” a actuación da Inspección do Ministerio de Traballo, que emitiu informes contraditorios en relación co ERE de Cerámicas de Sargadelos e do Castro, e empraza ao PSOE a explicar este trato desigual, “que nin comprende, nin comparte” pois actúan en prexuízo dos traballadores da empresa sita en Cervo.

· Balseiro lamenta que o PSOE non teña aceptado reclamar ao Goberno central, única administración con competencias no ámbito da Seguridade Social, que financiase as prexubilacións do persoal afectado polo ERE con entre 55 e 60 anos.

A Mariña lucense, 30 de setembro de 2010.- O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de responder ás afirmacións realizadas polo voceiro socialista de emprego, José Tomé Roca, lembrándolle que “os que moito e en todo momento mentiron aos traballadores de Sargadelos foron os membros do PSdeG que, acompañados pola portavoz desta formación política en Cervo, dixéronlle unha cousa á empresa e outra ben distinta aos seus empregados” O deputado mariñán insiste en que mentres que por unha banda o PSOE aseguraba apoiar ao persoal da factoría cerámica cervense, pola outra actuaba en contra dos seus intereses.

Balseiro cualifica de “absolutamente falsas e difamatorias” as verbas que o socialista Tomé Roca lle atribúe, entre outras cousas que “bastante facía con escoitar aos traballadores”. “Todo o contrario, como poderán testemuñar os membros do Comité de persoal” o deputado popular sempre amosou “a súa máxima disposición para recibir e colaborar cos representantes dos empregados de Sargadelos, xa non só por compromiso político na defensa dunha empresa mariñá, senón tamén por compromiso persoal, xa que moitas das persoas afectadas por esta crise empresarial son veciñas e veciños do meu concello”.

BOCHORNOSO INFORME DE INSPECCIÓN

Segundo o deputado popular as manobras do PSOE o único que intentan agochar é un feito “verdadeiramente bochornoso”, isto é o contido do informe da Inspección do Ministerio socialista de Traballo e Seguridade Social. Balseiro Orol “nin comparte, nin comprende” como é posible que desde o Goberno central emitan dous informes contraditorios para as fábricas de Sargadelos e O Castro, informes que, polo seu contido, prexudican dun xeito notable aos empregados de Cervo.

Balseiro lembra que a lexislación sobre os expedientes de regulación de emprego (ERE´s) é de carácter estatal. Nela establécese que os informes da Inspección de Traballo son preceptivos á resolución da Xunta. No tocante á fábrica de Sargadelos a Inspección de Traballo establece de xeito literal que “queda acreditada a existencia de causas obxectivas, reais, actuais e cunha entidade e permanencia suficientes para motivar o proceso extintivo e descartar a situación (económica de Sargadelos) como coxuntural”. A devandita conclusión debera obrigar –en opinión do deputado popular- a que o PSOE dea as explicacións oportunas, xa que está a consagrar un trato desigual respecto de ambas empresas do Grupo Sargadelos.

O PSOE QUERE AFORRARSE AS PREXUBILACIÓNS

Finalmente Balseiro signifiocou unha nova mentira dos socialistas cando lamentaban “a falta de apoio da Consellería” ante propostas menos traumáticas como “baixas voluntarias incentivadas ou prexubilacións”. No mesmo momento no que os socialistas facían esta proposta nos medios de comunicación, o Grupo do PSOE na Cámara galega negábase a votar a favor da emenda do Grupo Popular na que precisamente se estaba a reclamar isto, é dicir, que o Goberno central, como única administración competente en materia de Seguridade Social, achegara as axudas previstas para financiar estas prexubilacións e outorgar aos traballadores afectados polo ERE as axudas correspondentes. Segundo o PP o único que pretende facer o PSOE é aforrar ao Estado o importe das prexubilacións, un comportamento que cualificou de “dramático e incomprensible”.

Exit mobile version