Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela pide que non suba a luz

Nota de prensa:
O GMPP pide que Zapatero non suba o recibo da luz.

Os populares afirman que cada familia pagará unha media de cincuenta euros anuais máis pola subida da luz.

Consideran que as familias máis desfavorecidas e os comercios e pequenas e medianas empresas saen mui perxudicados.

O Grupo Municipal do Partido Popular (GMPP) de Burela presentou unha moción para o seu debate no pleno a celebrar o vindeiro xoves na que se solicita que o Goberno de Zapatero paralice o anunciado incremento da luz para as próximas semanas, incremento que vai supoñer que unha familia media teña que pagar cincuenta euros máis ó ano polo consumo de enerxía eléctrica.

Para os populares, a subida da luz vai perxudicar claramente ás familias máis desfavorecidas, porque a indicada subida, de un 4’8%, faise sobre todos os conceptos do recibo, ó que hai que engadir a subida de dous puntos no IVA desde primeiros de xullo, ó pasar do tipo do 16% ó tipo do 18%. Igualmente, saen mui perxudicados os comercios e as pequenas e medianas empresas, e á larga non lles vai quedar máis remedio que repercutir este incremento nos productos que venden, co se vai producir tamén unha subida de prezos.

O GMPP afirma que a cidadanía está mui preocupada, porque na situación de crise na que nos atopamos e co paro galopante que se está a sufrir, unha subida da luz semellante vai agudizar os problemas que están a ter moitas familias e moitos pequenos negocios.

Os populares confian en que o bipartito burelés, tan preocupado segundo eles din polas persoas que o están a pasar mal, actúen en consecuencia e apoien esta moción.

Exit mobile version