Site icon Crónica3.com A Mariña

Para Lara “o gol da Copa Galicia foi a recompensa a todo o meu traballo no fútbol sala”

Nota de prensa:
LARA: ‘O GOL DA COPA GALICIA FOI A RECOMPENSA A TODO O MEU TRABALLO NO FÚTBOL SALA’

Con tan só 17 anos, a viveirense Lara Balseiro consolídase como unha das firmes promesas do fútbol sala feminino no máximo nivel. Na súa segunda tempada en Honra coa camisola laranxa, a novísima ala abriu o marcador para o Burela FSF Pescados Rubén, na vitoria da gran final da XX Copa Galicia ante o Ponte Ourense.

“O gol da Copa Galicia foi a recompensa a todo o meu traballo no fútbol sala” expresou Lara, que tamén confesou o remuíño de sentimentos do gran momento: “Foi un pouco estraño, porque non estou acostumada a ser goleadora, pero tamén me sentín importante por poder contribuír á proclamación do equipo como bicampión da Copa Galicia”. A mariñá viu un bo Burela FSF na competición galega, aínda que con marxe de mellora. “A pesar do cansazo e das lesións, puidemos facerlle fronte ao gran Ponte Ourense porque fixemos un traballo defensivo envexable”.

Como un exemplo en esforzo, traballo e implicación, Lara recoñece a súa evolución deportiva co Burela FSF. “Aínda me queda moito por traballar neste deporte, pero estou satisfeita porque, despois dunha tempada de moitas horas dedicadas ao fútbol sala e co apoio e consello das miñas compañeiras, puiden demostrar que estou adaptada á categoría e espero continuar neste camiño”.

Precisamente, con respecto ao inminente comezo ligueiro ante o Móstoles FSF, a viveirense non dá nada por feito: “Tócanos unha estrea de tempada forte; por vestiario, o Móstoles é o claro favorito, pero coas novas incorporacións aínda ten que coller o ritmo como equipo. Nós somos un grupo compacto, con experiencia dunha tempada xuntas e loitaremos por facernos co encontro”.

A novísima xogadora non quixo despedirse sen animar ás nenas mariñás a sumarse á escola do Burela FS. “O fútbol sala é un deporte moi bonito e ilusionante que che axuda a medrar como persoa” concluíu Lara.

Exit mobile version