Site icon Crónica3.com A Mariña

Razóns para unha folga

O vindeiro 29 de setembro todas as traballadoras e traballadores estamos convocados a unha folga xeral. A Razón? Protestar pola implantación dunha serie de medidas que van supoñer un enorme esforzo para todos e todas nós; un esforzo co que se quere paliar a desfeita xerada pola gran banca especuladora, polo boom inmobiliario e todos aqueles excesos derivado dunha política neoliberal.

Ben lembraremos o feixe de millóns e millóns que, saídos das arcas públicas, foron parar á banca para sanear as súas contas. Ao mesmo tempo, a liña de crédito para os autónomos e PEMES cada vez íase ensumindo máis e máis ata reducirse á nada.

Desde este verán o recorte do gasto está a ser drástico. A redución de salarios aos funcionarios quizá poida consolar a algúns a través do chiste fácil, pero inevitabelmente marcará unha tendencia para a sinatura dos vindeiros convenios colectivos. E iso xa non terá graza ningunha. Que na vez dun 1 ou 2% (sendo xenerosos) se vaia partir dun -3 ou -5% para fixar salarios na próxima negociación colectiva (ou manter os salarios a cambio de máis horas de traballo), pode ser un feito dentro de moi pouco. O tema da idade de xubilación é xa unha vella cantilena que de seguro aproveitarán agora para ampliala.

Mais esta vaga de recortes non só afecta ao goberno central. Como non nos vai doer que alguén que se di de esquerdas leve agora á práctica políticas de dereitas! Resignármonos consolándonos con que outros haberían de facer o mesmo multiplicado por 2 non é a solución. Centrar a nosa atención só nas medidas do goberno central, tampouco. A nosa comarca ten padecido recortes tanto de Madrid como da Xunta. A situación do Hospital da Costa, o peche de unidades nos colexios e institutos, a redución drástica de inversións en obra pública. Estas decisións do goberno da Xunta tamén forman parte desa política de axuste. Ante tanto desatino non cabe máis que berrar alto e claro que co noso consentimento non ha de ser. Xa poden tomar boa nota uns e outros de que, cando teñan que gobernar, en fronte van ter unha cidadanía que loita por manter os seus dereitos sociais. O 29-S non imos ir contra este ou aquel, senón a defender o noso fronte a quen pretenda arrebatárnolo en beneficio dos de sempre.

Exit mobile version