Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da executiva do BNG reuníronse coas centrais sindicais maioritarias na Mariña

Nota de Prensa

O BNG e as centrais sindicais reuníronse hoxe compartindo o chamamento a secundar masivamente a folga xeral do día 29 para defender os dereitos laborais e esixir un cambio de rumbo nas políticas antisociais dos gobernos estatal e galego

Ás medidas antisociais de Zapatero súmanse os recortes en política social de Feijoo que recorta financiamento dos servizos sociais, sanitarios e educativos públicos asestando un duro golpe á maioría social do país.

A Mariña, 21 de setembro de 2010. Representantes da Executiva Comarcal do BNG reuníronse na mañá de hoxe coas centrais sindicais maioritarias na comarca da Mariña. Os nacionalistas que desenvolven nestes días unha rolda de contactos con diferentes sectores na comarca analizaron coas centrais sindicais os efectos das políticas antisociais dos gobernos estatal e galego na Mariña. Tanto as centrais sindicais como o BNG compartiron o chamamento a secundar masivamente  a folga xeral do día 29 para esixir un cambio de rumbo na política de ambos gobernos que coinciden en apuntalar un modelo económico que nos levou á actual situación e fai pagar ás maiorías sociais a factura dunha crise que non provocaron.

Sobran razóns para secundar unha folga xeral que fai pagar os efectos da crise provocada polo capital financeiro e especulativo nas clases traballadoras e menos favorecidas.

O Portavoz Comarcal nacionalista, Antonio Veiga, trasladou ás centrais sindicais o apoio do BNG á folga xeral “xa que sobran razóns dende fai tempo para a súa convocatoria” . Para o portavoz nacionalista,  ás políticas antisociais de Zapatero hai que sumar o desgoberno do PP en Galiza, “incapaz de afrontar a crise a pesar das súas promesas electorais e afortalando un modelo neoliberal que baixo a falsa  escusa da austeridade, vai desmantelando servizos públicos sanitarios, sociais e educativos básicos para a súa posterior privatización”. Veiga destacou que dende a chegada de Feijoo ao goberno galego, “o desemprego incrementouse en Galiza en mais de 39.000 persoas, superando as 200.000, e no que vai de ano Galiza e a terceira comunidade do Estado onde mais medrou o desemprego”. Veiga chamou especialmente a atención na xente moza, “cuxas taxas de desemprego en menores de 25 anos supera o 36% mentres un ano antes afectaba ao 28%, incrementándose nos que teñen estudos superiores ao 48%”.

Veiga engadiu que o apoio do goberno do Estado á nefasta política económica das entidades financeiras, principais culpábeis da crise, cun aporte de fondos públicos de case 149 millóns de euros e o recorte producido no Plano de Axuste Orzamentario que afectará a mais de seis millóns de pensionistas ou o recorte nos salarios dos funcionarios haberá que engadir o anunciado “pensionazo” con novos recortes e o incremento na idade de xubilación até o 67 anos.

O nacionalismo galego dispón de alternativas para afrontar a crise

Por último Veiga destacou que dende o nacionalismo galego existen alternativas para afrontar a crise, “avogando por unha saída que poña a economía ao servizo das maiorías sociais asegurando unha redistribución dos recursos que corrixa as desigualdades”, o portavoz nacionalista contrapuxo “a subvención á creación de emprego no canto da subvención ao despedimento” e lembrou que “a superación da crise non se vai producir por un simple cambio de cromos entre PSOE e PP que practican o mesmo modelo económico, senón nunha maior conciencia social que alente cambios cara a unha sociedade mais igualitaria”. Antonio Veiga lembrou que “a mobilización social e útil e necesaria e xa noutras ocasións obrigou aos goberno a dar marcha atrás polo que canto mais masiva sexa, mais efectos positivos terá para a clase traballadora”

Exit mobile version