Site icon Crónica3.com A Mariña

Sobre a transferencia de tráfico

Como nos mellores tempos dos anos oitenta, cando o nacionalismo aínda comezaba a saír do seu letargo, neste comezo de curso político os dous partidos supeditados ás rúas Génova e Ferraz deron mostras do seu servilismo: mesmo se dá o paradoxo de que unha deputada socialista votou en contra en Madrid do que había dous anos aprobara en Compostela.
Os razoamentos son do mais chocalleiro: aproveitando a crise económica agora resulta que calquera petición de traspaso de competencias é moi gravoso para as arcas públicas. Xa se sabe: se só houbera un único goberno para todos, todo sería máis barato. Así botamos toda a nosa historia ata hai ben pouco, e así nos foi. Pouco máis dá que se advirta que coa transferencia de tráfico, e a posterior implantación do Corpo de Policía Autónoma (xa creado por lei), se poidan unificar os actuais corpos policiais evitando así as duplicidades que neste momento se poidan dar. Pouco importa tamén que a recadación pase a ser xestionada desde aquí e adicada a mellorar a circulación viaria galega. A algúns parécelles mellor que, de todo o que se recada no noso país, tan só se reinvista nas nosas estradas a penas o 20%. Pagamos as multas para mellorar o tráfico doutros territorios.
Por suposto, tamén se apela ao feito de que sería un chiringuito máis e que non funcionaría. Agora os plans de tráfico son xestionados fóra da nosa comunidade sen ter en conta as peculiaridades da nosa rede viaria (dispersión da poboación, moitas vías secundarias, etc.). Non funciona ben o que hai: as estatísticas da nosa comunidade destacan con respecto a outras zonas. Elabórase unha proposta alternativa e, como non gusta o pano de fondo, atácase frontalmente. Coma sempre, quédalles o aquilo de que nin nos sabemos gobernar, nin tampouco sabemos conducir (quen sabe se por ter andado tanto tempo en carros de vacas!).
Por razóns ideolóxicas, e non económicas, estase a dicir non a unha medida que nos beneficiaría. O PPdeG e o PSdeG-PSOE votaron afirmativamente en Compostela á cesión do tráfico a Galiza. Pero os seus deputados e deputadas en Madrid votan en contra ou abstéñense (o mesmo ten a efectos prácticos). De que nos serven entón?
Ollo con este renderse de antemán: nos anos 80 custounos carísimo! Apandamos co maior peso da reconversión industrial; case quedamos sen autovías (o retraso na construción das mesmas en parte tamén se derivou desa situación inicial); o noso agro e a nosa pesca, ao garete pouco a pouco por non termos peso político específico no Parlamento español. É certo que non deixará de haber accidentes de tráfico por termos transferencias nesta materia. Pero como está a xente máis tranquila? Cando lle xestionan desde Compostela a súa Sanidade atendendo á idiosincrasia da poboación galega, ou se lla xestiona un técnico que descoñece o alcance da dispersión da poboación e lle parece que cun PAC na cabeceira da comarca é suficiente? Quen coide que non nos sabemos gobernar que sexa sincero coa sociedade; sobre todo cando haxa eleccións, e que o diga abertamente.

Exit mobile version