Site icon Crónica3.com A Mariña

A barraca de Barriga Verde estará en Mondoñedo durante As San Lucas

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA ASISTIU Á PRESENTACIÓN DA BARRACA DE BARRIGA VERDE EN MONDOÑEDO, ONDE PERMANECERÁ DURANTE AS SAN LUCAS

A nova barraca xa estivo presente durante o San Froilán na praza da Soidade lucense

É un proxecto de Tintimán Audiovisual, co que colabora a Área de Cultura da Deputación, e que inclúe, ademais da xira da barraca, a gravación dun documental

MONDOÑEDO, 13 de outubro de 2010. O nacionalista Antonio Veiga, delegado de Cultura da Deputación, asistiu hoxe ao acto de presentación da barraca de Barriga Verde en Mondoñedo, onde permanecerá durante a celebración das San Lucas, do 15 ao 20 de outubro. No acto tamén estiveron presentes Comba Campoy, directora de produción do documental que se gravará nas vindeiras semanas coa barraca de protagonista: “Os Mundos de Barriga Verde”, ademais de Anxo García, membro de Viravolta Títeres, e Orlando González, alcalde de Mondoñedo.

A barraca de Barriga Verde poderá ser visitada na cidade de Mondoñedo, na praza da Catedral, do 15 ao 20 de outubro, coincidindo coa celebración das festas das San Lucas, e realizará funcións tódolos días a partires das 12 da mañá e das 6 da tarde. Ao igual que na súa estancia en Lugo, as entradas terán un custe de 4 euros, e os asistentes a cada función poderán permanecer sentados en bancos ou de pé, ao igual que na época na que Xosé Silvent percorría as aldeas e cidades galegas co seu espectáculo de varietés. Grazas a este proxecto, como explicou Veiga, “volveu ás rúas de Lugo no pasado San Froilán, e agora a Mondoñedo nas San Lucas, unha figura que os maiores de 40 anos aínda lembran e os máis novos coñecemos a través deles”.

Antonio Veiga lembrou a “boa acollida que está a ter a volta de Barriga Verde ás festas” e destacou que “recuperar esta montaxe da barraca supón tamén manter viva unha parte da cultura popular, daquela reaccionaria, por realizar as funcións en galego”. Pola súa banda, Comba Campoy, quixo resaltar a importancia da compoñente audiovisual do proxecto e lembrou que durante as sesións do domingo un equipo de gravación permanecerá nas funcións de Barriga Verde para recoller as opinións e reaccións das persoas que presencien a función.

Moitas foron as persoas que, ao longo da súa vida, tiveron a visita de “Xosé o dos bonecos” como un dos acontecementos máis sinalados do ano, xa que Xosé Silvent, creador do neno de madeira, percorría ademais de municipios como Mondoñedo ou Ribadeo as aldeas máis remotas das comarcas lucenses co seu espectáculo. Este, ademais, era en galego, idioma que Xosé Silvent adoptou como seu e que permanecía proscrito por aquela época. Barriga Verde é o derradeiro exemplo en Galiza do monifateiro de feira, unha figura que forma parte dunha cultura popular que se desenvolveu ao marxe da oficial durante séculos, por vía oral na meirande parte dos casos, e que agora corre o risco de desaparecer.

A Área de Cultura da Deputación de Lugo colabora con este proxecto de xeito económico mediante a achega de 15000 euros, e ademais dá apoio loxístico e de difusión ao proxecto. A iniciativa tamén inclúe a gravación dun documental: “Os Mundos de Barriga Verde”, que recollerá de xeito audiovisual esta xira da barraca por municipios lucenses. Tintimán Audiovisual tratou de conservar aspectos da antiga barraca, como os horarios das funcións, que se dan segundo a afluencia de público, tendo lugar a primeira sobre as 12 da mañá. O documental que realizará Tintimán Audiovisual gravará, ademais dos espectáculos, a reacción das persoas que presencian os espectáculos e as testemuñas de familiares de Xosé Silvent, e de varios galegos e galegas que aínda gardan na súa memoria as lembranzas da orixinal. O documental rematarase na primavera do vindeiro ano. Deste xeito, o proxecto, titulado “Nos Mundos de Barriga Verde”, contribuirá a reforzar a labor de divulgación deste personaxe senlleiro e inesquecible da cultura galega. Viravolta Títeres será a encargada de dar vida aos personaxes do espectáculo: Barriga Verde, o Demo ou o Cura.

Xosé Silvent – O pai do teatro galego de bonecos

Xosé Silvent (Badaxoz, 1890) foi o pai fundador do teatro galego de bonecos: el dotou de vida ao neno de madeira que ficaría durante décadas nas memorias das xentes das distintas comarcas lucenses. Dende a etapa republicana e ata ben entrados os sesenta, o nome de Barriga Verde era celebrado en todos os recantos de Galiza e a chegada á aldea de “Xosé dos Bonecos” era, para moitos galegos e galegas, unha poderosa razón para mudar as adversidades diarias polo festexo. Xosé Silvent marchou aos 15 anos dende Badaxoz a Portugal para probar sorte. Alí entrou en contacto co teatro dos fantocheiros, cuxo personaxe estrela era un boneco de porra chamado Dom Roberto: este monicreque foi a razón da xénese de Barriga Verde.

Pouco despois, Silvent instálase na vila pontevedresa de Lérez, onde funda unha familia que viviu por e para a farándula. Dende entón e ata que o corpo llo permitiu, recorreu Galiza de aldea en aldea, levando por onde ía o seu espectáculo. O home, máis coñecido como Barriga Verde ou Xosé dos Bonecos, retirouse do mundo da farándula en 1964 e faleceu en 1970: converteríase no único caso de bonecos en Galiza ata 1979.

Exit mobile version