Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta inaugurou en Burela Reunión da Sociedade Galega de Medicina Interna

Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS DESTACA O “APOIO DECIDIDO” DE SANIDADE AO HOSPITAL COMARCAL DE BURELA, NO QUE SE INVESTIRON 1,5 MILLÓNS DE EUROS

A delegada territorial, Raquel Arias, inaugurou hoxe no centro a oitava edición da Reunión Formativa da Sociedade Galega de Medicina Interna

Burela, 1 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias,  destacou hoxe o “apoio decidido da Consellería de Sanidade aos hospitais comarcais e a súa vontade de potencialos e dotalos de maior autonomía”. Así o manifestou durante a inauguración da VIII Reunión Formativa da Sociedade Galega de Medicina Interna, que reuniu no Hospital de Burela a numerosos profesionais de Asturias e Galicia.

Arias afirmou que a Consellería de Sanidade investiu 1,5 millóns de euros “na mellora da carteira de servizos, da calidade asistencial e das infraestruturas sanitarias”, precisando que “non me refiro só á mellora de espazos físicos do Hospital senón tamén á inversión en equipos que se está  a levar a cabo”. Como exemplo, lembrou a recente compra dun novo  ecógrafo e un ecocardiógrafo  para o centro.

A delegada aplaudiu o interese das médicas e médicos e actualizar os seus coñecementos para dar sempre o mellor servizo aos doentes. “Vos cumprides coa vosa parte –sinalou- e a Xunta aborda a súa, achegando máis e mellores medios para diagnosticar e tratar as doenzas”.

Raquel Arias destacou a completa asistencia sanitaria que presta o Hospital de Burela. “Neste centro –afirmou- só o 2% dos doentes son derivados a outros hospitais polos cadros clínicos que presentan”.

Incidiu, ademais, en que se trata dun servizo de calidade, “e así o manifestan os usuarios que acoden a este hospital, xa que máis do 80% valoran positivamente a excelencia da atención que reciben”.

Por último, recoñeceu o “importantísimo papel” que desempeñan “todos os profesionais que integran este complexo hospitalario. Eles, ao igual que todos vostedes, actúan movidos por unha forte vocación persoal e de servizo aos demais”.

Exit mobile version