Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación amplía o prazo para solicitar cursos de inserción laboral

Nota de prensa:
A Deputación amplía ata o 15 de outubro o prazo de solicitude dos cursos que insertarán laboralmente a 540 lucenses

– Máis de 1.500 persoas formalizaron xa a súa inscrición para participar no programa formativo sobre as profesións con máis futuro na provincia

– As persoas interesadas poderán facer a súa solicitude chamando ó teléfono 982-26-53-34, ou enviando un correo electrónico ó seguinte enderezo: pactoemprego@deputacionlugo.org

Máis de 1.500 desempregados da provincia xa formalizaron a súa solicitude para participar no ambicioso programa formativo da Deputación que permitirá insertar laboralmente a 540 lucenses en paro nas profesións con máis futuro na provincia. Concretamente, o número de solicitantes ascende ós 1.568, e repártense deste xeito: 562 pertencen ó norte da provincia; 675 ó centro; e 331 ó sur. A excelente acollida que está a ter esta iniciativa que se inclúe dentro do Pacto Provincial polo Emprego –programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80%-, fixo que o organismo provincial ampliase ata o vindeiro xoves, 15 de outubro, o prazo de inscrición. Deste xeito, ata entón, os interesados poderán formalizar a súa solicitude chamando ó teléfono do INLUDES 982-26-53-34, ou enviando un correo electrónico ó enderezo pactoemprego@deputacionlugo.org.

Os cursos están dirixidos a desempregados de todos os Concellos, agás o de Lugo que ten máis de 50.000 habitantes e ten o seu propio Pacto. A formación comprenderá 45 cursos. En total suma máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. Ademais, os beneficiarios recibirán unha axuda económica tanto na formación como nas prácticas equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais.

Para coordinar todo o territorio, os Concellos disporán de 3 oficinas técnicas: no norte (Foz), sur (Chantada) e centro (INLUDES). Contarán con persoal que se desprazarán onde faga falta e asesorarán tamén ós alumnos que, no futuro, opten por montar a súa propia empresa, ben como autónomos ou como PEMES.

Cando remate a inscrición, comezará a selección dos beneficiarios e a formación correspondente para cada un. A Deputación consensuará cos Concellos os lugares máis axeitados para impartir a formación, xa que un bo emprazamento é clave na asistencia do alumnado, así como as empresas para que as prácticas profesionais, procurando que estén o máis próximas ós seus domicilios.

Complementariamente e asegurando que o Pacto teña continuidade no futuro, a Deputación estreará o primeiro portal de emprego provincial. Estará na web oficial: www.deputacionlugo.org. Será semellante a portais internacionais de busca de emprego, como o famoso “Infojobs”.

Exit mobile version