Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación instará a Xunta a manter o sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras, asegura o BNG

Nota de Prensa

O PLENO DA DEPUTACIÓN DE LUGO DEBATIU SOBRE O SISTEMA DE IDENTIFICACIÓN DO GANDO ANTE UN GRUPO DE VETERINARIOS IDENTIFICADORES

A proposta de mantemento do actual sistema de identificación e rexistro nas explotacións gandeiras aprobouse a pesar dos votos en contra do PP e da abstención do deputado M. Varela

Antonio Veiga, voceiro do BNG, manifestou que “sería lamentable que se puxera en xogo a seguridade alimentaria ao cambiar un sistema de control que levou tanto tempo poñer en marcha e que é modélico no estado español”

Lugo, 26 de outubro de 2010. O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Antonio Veiga, defendeu ante o pleno provincial un acordo do goberno no que se instará ao goberno da Xunta de Galiza a manter o sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras coas garantías e nas condicións nas que se ven desenvolvendo este servizo público. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE-BNG), os votos en contra do PP e a abstención do deputado M. Varela.

Veiga lamentou que o voceiro dos populares neste asunto fose un concelleiro procedente de Burela un dos poucos concellos galegos que non ten rexistrada ningunha cabeza de gando vacún.

O voceiro do BNG pediu “garantías para a cabana gandeira galega e para os consumidores, para que non nos sorprendan noticias como as que sorprenderon ao partido popular cando gobernaba Manuel Fraga con algo que non apettece lembrar e que motivou a implantanción deste sistema” para Veiga o cambio de sistema suporá “un claro retroceso no eido da sanidade animal en Galiza o que pode levar á perda da garantía sanitaria e a gran vantaxe competitiva que tiña o produto galego de calidade, que era unha seguridade absoluta na súa trazabilidade”.

O sistema actual de identificación e rexistro, que se puxera en marcha en plena crise das vacas tolas, está recoñecido por todos os axentes do sector como unha das mellores garantías da sanidade animal e en consecuencia de seguridade da cadea alimentaria humana. O 90 % dos animais comisados nos matadoiros proveñen de comunidades autónomas nas que non existe un sistema de control de identificación eficaz como ata agora era o galego. Calqura situación de dúbida en canto ás garantías sanitarias podería provocar o afundimento do mercado de carne, por esto é tan importante garantir a calidade, trazabilidade e sanidade da carne que entra na cadea alimentaria.

Segundo os anuncios da Xunta de Galiza, os cambios implicarían o despedimento dos veterinarios encargados deste labor e suporían a supresión da visita dos veterinarios ás explotacións (só se achegarían para facer inspeccións periódicas) quedando a identificación, rexistro e anotacións dos animais no libro de explotación, unicamente a cargo dos gandeiros. De se confirmaren estes cambios, a maioría das xestións administrativas terían que facelas a través dunha “Oficina Agraria Virtual” da Xunta, vía internet ou no seu caso telefonicamente. Veiga lembrou as dificultades que a maioría das explotacións teñen para o acceso a internet e o custo de tempo que suporá para os gandeiros e gandeiras ter que asumir o traballo dos veternarios identificadores.

Este cambio no sistema e rexistro pode poñer tamén en perigo a percepción de moitas das axudas que as gandeirías galegas reciben da UE xa que a maior parte delas van ligadas, entre outras cousas, a unha correcta identificación e rexistro dos animais da explotación.

Exit mobile version