Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación investiu 3,7 millóns de euros en obras en concellos de menos de 5 mil habitantes

Nota de Prensa

A Deputación executou obras nos últimos tres anos nos Concellos de menos de 5.000 habitantes por máis de 3,7 M€

-Dende que o actual equipo de goberno puxo en marcha esta iniciativa en 2008 leváronse a cabo 140 actuacións nos 41 municipios que se acollen a esta iniciativa e achegou máis de 2,6 millóns

– O organismo provincial executou todas as obras das anualidades 2008-2009 e o 90% das deste ano en tan só seis meses

– Gato Soengas subliña que “esta é a actual Deputación, mentres outras administracións se laian da situación actual, nós non deixamos de tirar polo carro, colaborando máis ca nunca cos Concellos da província”

A Deputación executou obras nos últimos tres anos dentro do Plan de Pequenas Infraestruturas nos Concellos de menos de 5.000 habitantes por valor de 3.734.446 euros. En total, dende que o actual equipo de goberno puxo en marcha esta iniciativa en 2008 leváronse a cabo 140 actuacións nos 41 municipios que se acollen a esta iniciativa. Precisamente, a Xunta de goberno deste venres aprobou o acondicionamento e mellora dos accesos nos núcleos de poboación de Mirandela e Castroverde. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “este é un Plan que está a dar moi bo resultado, xa que está destinado ós municipios que teñen un maior déficit en infraestruturas e servizos, agás os afectados polo canon hidroeléctrico que xa reciben outros investimentos da Deputación”.

A Deputación subvenciona ata o 70% de cada obra ata un máximo de 19.500 euros e o resto apórtanos ós Concellos. Deste xeito, a organismo provincial achegou dentro desta iniciativa 2.614.122 euros e 1.120.333 os municipios. “Este plan foi moi ben acollido polas entidades locais e dá continuidade a esa colaboración constante que estamos a levar a cabo. Cando se dá a unión en épocas de crise de dúas administracións, Deputación e Concellos, ponse de manifesto a vontade de avanzar e de sumar recursos”.

Neste senso, o voceiro provincial socialista subliñou que as 45 obras da anualidade de 2008 e a 44 de 2009 están aboadas e executadas o 100%. No caso das deste ano, que foron aprobadas en abril, 47 en total, están rematadas o 90%. As sete que non se levaron a cabo corresponden ós Concellos que soliciataron a prorroga da súa execución. Estes son: Abadín, Barreiros, Folgoso do Courel, Muras, A Pontenova, Trabada e O valadouro. “Esta é a actual Deputación, mentres outras administracións se laian da situación actual, nós non deixamos de tirar polo carro, colaborando máis ca nunca cos Concellos da provincia”.

Os municipios que se acollen a este Plan son, ademais dos citados anteriormente: Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Triacastela, O Vicedo, Xermade e Xove.

Outros acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno tamén aprobou catro novas actuacións do canon dos Concellos de Carballedo e Fonsagrada por valor de 331.463 euros. Trátase da rexeneración das estrada de Cambillán a Airoá e da que vai de Vila a Outeiro no municipio da sur da provincia e do acondicionamento dos accesos a Cabanas, a Xestoso, Lindín e Cadaído no da Montaña. En total, o organismo provincial inviste nos últimos tres anos en Carballedo dentro do canon 581.098 euros e no da Fonsagrada, que inclúe xunto co de Negueira de Muñiz na zona norte, 932.141 euros.

Tamén se deu o visto e prace a 16 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Suman 163.342 euros, dos que a Deputación subvenciona 103.104 Pertencen ós Concellos de Carballedo, Castro de Rei (3), Castroverde, Cospeito (2), Foz, Friol, Láncara, Lugo, Páramo (2) e Pastoriza (2).

Asimesmo, aprobáronse as subvencións de 24.000 euros para a celebración da terceira edición de Equigal, de 85.628 euros para a reposición da liña de media tensión e transformador que dá asistencia ó campo de Rozas, e de 27.379 euros para a colocación de vidrieiras na igrexa de Lagostelle (Guitiriz).

Exit mobile version