Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pon en marcha as primeiras bolsas medioambientais da provincia para xóvenes titulados

Nota de Prensa

A Deputación pon en marcha as primeiras bolsas medioambientais da provincia para xóvenes titulados

– Esta iniciativa, dotada con 270.000 euros e incluída dentro do Lug02 co que o organismo provincial demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica de Lugo, permite aumentar as posibilidades de inserción laboral destes mozos

– Os 18 beneficiarios poderán realizar prácticas durante 4 meses en empresas de sete países europeos e 8 en organismos do ámbito de actuación do programa

– A Deputación e a Unión Europea faranse cargo de todos os gastos da estancia no estranxeiro e para as prácticas na provincia os participantes recibirán 1.000 euros mensuais

– Os interesados poderán realizar a súa inscrición dende o 17de outubro ata o 2 de novembro, chamando ó 982 26 00 46 ou na web da Deputación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este vernes as primeiras bolsas medioambientais da provincia para xóvenes titulados lugueses dentro do programa europeo Lug02, dotado con 5 millóns de euros e destinado a impulsar a economía da provincia e a poñer en valor as Reservas da Biosfera e da comarca do Courel. En total, son 18 bolsas para realizar durante 4 meses prácticas nos 7 países europeos con máis proxección e nos que a posibilidade de adquirir novos coñecementos que poidan aplicar na provincia é maior -Reino Unido, Italia, República Checa, Portugal, Alemania e Austria-, que se completarán con 8 meses en empresas ou organismos do ámbito do programa europeo.

Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “o novo desenvolvemento da Deputación aséntase en catro patas fundamentais: facer da cooperación cos Concellos a nosa verdadeira forma de facer política, impulsar as novas tecnoloxías como arma de futuro para esta provincia, a aposta polo emprego e, catro, a aposta polo medio ambiente como a verdadeira forza matriz desta provincia”. A este respecto, o titular provincial destacou que “a ampla amalgama da riqueza medioambiental é a que agora nos leva ó aspecto formativo, á preparación e ó intercambio de experiencias dos nosos xóvenes titulados nun Campus como o de Lugo, onde se ten moita relación co medio rural”.

Creación de emprego

Esta liña de actuación, que ten un orzamento de 270.000 euros, permitirá aumentar as posibilidades de inserción laboral dos xóvenes titulados. Primeiro aplicarán como bolseiros os coñecementos adquiridos en empresas orientadas ó medio ambiente e ó turismo, pero logo poderán continuar a súa carreira como emprendedores. O máximo mandatario provincial destacou que “Galicia é unha das comunidades autónomas nos que máis incrementou o paro este ano. Na Deputación de Lugo arrancamos hoxe cunha nova medida para crear novos postos de traballo, ó igual que o fixemos co ambicioso programa formativo do Pacto Provincial polo Emprego, hoxe remata o prazo para inscribirse-, e que insertará laboralmente a máis de 500 desempregados da provincia nas profesións con máis futuro; ou co Centro de Innovación Social, esta semana foron os exames ós que se presentaron 400 persoas”.

A este respecto, sinalou que “fronte á Xunta de Galicia que recorta en educación e innovación, todo o contrario do que están a facer os países máis avanzados, poñemos en marcha esta iniciativa que nos permitirá ser máis competitivos”.

Custe 0 para os participantes

Os participantes teñen que estar empadroados nalgún dos Concellos da provincia e dispoñer dunha titulación académica relacionada cos fins do programa medioambiental, obtida durante os anos 2007, 2008, 2009 ou 2010. . É dicir, as enxeñerías medioambientais, agropecuarias e industrias agroalimentarias, as licenciaturas de Ciencias e turismo, etc.

Tendo en conta que para algúns participantes o desprazamento pode supoñerlles un problema económico, a Deputación faise cargo dos custes da viaxe de ida e volta, do aloxamento, manutención e dos gastos dos organismos de acollida na cidade de destino. Na estancia nas empresas asesentadas nas Reservas recibirán 1.000 euros mensuais.

Mañá sairá publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), polo que o prazo de inscrición comezará a contar dende o domingo 17 e manterase aberto ata o 2 de novembro. Os interesados poderán obter máis información, chamando ó número de teléfono 982 26 00 46, na web da Deputación ou no enderezo electrónico: lugo2@deputacionlugo.org.

Exit mobile version