Site icon Crónica3.com A Mariña

A dirección xeral de Emerxencias alerta dun fenómeno adverso na costa galega

Nota de prensa:
A DIRECCIÓN XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR ALERTA DUN FENÓMENO ADVERSO DE NIVEL VERMELLO NA COSTA GALEGA

Santiago, 30 de outubro de 2010.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun episodio de meteoroloxía adversa por fenómenos costeiros de nivel vermello que afectará ao litoral atlántico galego (provincias da Coruña e Pontevedra) a partir de mañá.

Segundo as predicións de da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), entre as 6.00 horas de mañá e as 00.00 h. de día 1 de novembro, na costa de Pontevedra a mar será arborada con mar de fondo do noroeste de ata 6 metros e vento do noroeste de Forza 8 a 9. A mesma situación producirase na zona oeste e suroeste da Coruña a partir das 10.00 horas de mañá.

Alerta Laranxa

Doutra banda, a AEMET tamén informa de fenómenos costeiros de nivel laranxa para Lugo e o noroeste da Coruña, onde se espera que a partir deste mediodía e ata as 00.00 horas do 1 de novembro haxa mar moi grosa. Durante a xornada de mañá -31 de novembro- a situación será de mar de fondo do noroeste con ondas de ata 6 metros, vento do suroeste rolando a noroeste e forza 7 con intervalos a 8.

Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos costeiros, servizos provinciais de Protección Civil e bombeiros da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e clubs náuticos galegos. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Medidas de prevención

Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas en prevención de situación de risco, como que a frota de baixura permaneza debidamente amarrada, evitar saír da casa -especialmente as persoas maiores- ou camiñar preto de paredes de edificios sólidos, afastándose das vivendas arruinadas.

Así mesmo recomendase non pasear ni realizar actividades deportivas en peiraos, paseos marítimos, pantaláns, etc; non utilizar vehículos lixeiros como bicicletas ou motocicletas cerca do litoral; e pechar e asegurar postes e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese e ante calquera dificultade chamar ao número de emerxencias 112.

Exit mobile version