Site icon Crónica3.com A Mariña

A rede social galega Cabozo.com evoluciona e ofrece videoconferencia e máis novidades na versión 3.0

Nota de prensa

Cabozo.com, a rede social galega, chega á súa versión 3.0 incorporando a
videoconferencia como novidade máis rechamante

A pesar da dificultade que representa, non sendo sempre valorado na súa
xusta medida, desenvolver totalmente dende cero e de forma independente
unha web destas características, Antonio Mariño (o seu creador) e Ánxel
Folgueira, desenvolvedores de Cabozo, poñen á nosa disposición, un ano e
oito meses despois da súa posta en marcha e a punto de chegar aos 3.000
usuarios rexistrados, unha nova versión da popular rede social galega.

Varias son as novidades que presenta esta nova versión, algunha delas
inéditas na rede galega como a posibilidade de manter videoconferencias cos
nosos colegas. Esta novidade permite manter videoconferencias con ata catro
colegas ao mesmo tempo ou dispoñer dunha canle propia onde emitir en
directo os nosos vídeos que poderán ser vistos polo resto de usuarios de
Cabozo.

Ademais Cabozo segue apostando forte, na medida das súas posibilidades, na
súa intención de ofrecer aos seus usuarios as máximas posibilidades para
interactuar con outras webs sociais e con distintos medios galegos para o
cal se creou o novo “botón Cabozo” para intercambio de contidos. Calquera
pode descargar esta aplicación para incorporar ao seu blog ou web, se
desexa facilitar aos seus usuarios compartir os seus contidos en Cabozo,
dende esta dirección: http://www.cabozo.com/arquivos/Boton_Cabozo.zip

Estas posibilidades de intercambio amplíanse na nova versión incorporando
a Cabozo as populares ferramentas de intercambio de contidos de Twitter e
Facebook, dúas das redes sociais máis populares a nivel internacional.
Dende hai aproximadamente un mes tamén poderemos encontrar nestas redes
sociais páxinas de Cabozo onde, case a diario, se soben algúns dos
contidos máis interesantes publicados en Cabozo. Podedes acceder a elas
dende:
-No Facebook:
http://es-es.connect.facebook.com/pages/Cabozocom/128509170532841
-No Twitter: http://twitter.com/cabozo_com

Destacar que Cabozo é a primeira web en portar o selo “Código Bravú” (
http://codigobravu.cabozo.com/ ), selo que eles mesmos promoven e que
pretende converterse nunha iniciativa a través da cal fomentar o
desenvolvemento de aplicacións web creadas en Galicia ou para os galegos
baixo código propio ademáis de destacar e identificar as xa existentes.

Outras novidades a destacar desta nova versión son:

1.- Incorpóranse novas opcións de aviso para que os nosos usuarios estean
sempre ao tanto das actualizacións dos seus colegas:
– Por primeira vez en Cabozo engádense os avisos por correo electrónico.
Agora recibiremos un aviso na nosa conta de correo cando alguén deixe unha
mensaxe no noso Taboleiro ou cando alguén responda a unha conversación da
que formemos parte no Taboleiro doutro usuario, cando sexamos seguidos por
un novo usuario, cando recibamos un comentario nalgunha das nosas fotos dos
álbums persoais ou dos grupos ou cando recibamos unha mensaxe privada (modo
On/Off a elección dos nosos usuarios)
– Ampliados os avisos na pestana “Lox” (sistema automático interno de
avisos de actualizacións). Por exemplo, agora tamén se nos avisará cando un
colega empece a seguir a outro usuario ou cando modifique o seu perfil.
Engádense tamén dous novos filtros aos “Lox” para facilitar o visionado das
actualizacións dos nosos colegas.
– Xa non é necesario “refrescar” manualmente para ver as novidades en
“Lox”, “Meus Grupos”, “Meus Taboleiros”… Agora todas as aplicacións de
Cabozo actualízanse automáticamente en tempo real.

2.- Creado o “Tabomobil” para facilitar o envío de mensaxes, fotos,
enlaces, etc. ao noso Taboleiro dende o noso teléfono móbil. Poderedes
acceder a el dende a dirección: http://cabozo.com/tabomovil.php

3.- Incorpórase o HTML5 a Cabozo. Xa soporta vídeos tipo OGG (por agora só
operativo dende Firefox ou Google Chrome)

4.- Agora cando publiquemos unha mensaxe cun arquivo mp3 adxunto,
aparecerá un reprodutor onde poderemos reproducir directamente o devandito
arquivo en Cabozo. Xa non é necesaria a súa descarga para a súa
reprodución, pero mantense a posibilidade da descarga deste.

5.- Coa intención de dotar os nosos usuarios de maiores posibilidades de
personalización dos seus espazos persoais incorporamos as seguintes
opcións:
– Posibilidade de personalizar o fondo dos nosos Taboleiros cunha imaxe á
nosa elección. Modo mosaico ou expandido.
– Posibilidade de incorporar o noso Taboleiro un Google Gadget. Agora en
“Axustes” temos un novo campo onde engadir o código dun destes “gadget” o
cal aparecerá despois no noso Taboleiro e será visible para todos aqueles
que o visiten.

6.- Coa finalidade de lograr unha maior difusión e de facilitar o
visionado das fotos dos álbums públicos dos nosos usuarios creamos as
seguintes utilidades:
– Os “Tips”: Son miniaturas dalgunha das fotos dalgún dos álbums públicos
dos usuarios que veremos de forma aleatoria ao acceder aos nosos álbums de
fotos ou ao dalgún outro usuario. Picando sobre elas accederemos ao álbum
que a contén.
– Agora ao acceder ao Taboleiro doutro usuario veremos de forma aleatoria
4 miniaturas das súas fotos subidas aos seus álbums públicos. Picando sobre
elas accedemos a ver os devanditos álbums.

7.- Ao acceder aos Taboleiros doutros usuarios veremos os colegas que
temos en común. Picando sobre os seus avatares accederemos aos seus
Taboleiros.

8.- Posibilidade de conectar as nosas contas de Twitter e Latrica con
Cabozo. En caso de configurar esta opción, os usuarios que visiten os nosos
Taboleiros verán as pestanas Twitter e/ou Latrica onde poderán ver as
nosas mensaxes nesas webs. Todos os contidos subidos a Cabozo se poden
compartir agora en Twitter, Facebook ou Chuza.

9.- Incorporados novos medios, galegos e non galegos, á sección “novas”.
Poderemos compartir directamente dende “novas” as noticias publicadas por
estes medios en Twitter, Facebook, Chuza ou nos nosos propios Taboleiros de
Cabozo.

10.- Engadida o modo “Quedin” ás “Cabozadas”. Seleccionando este modo
veremos todas as mensaxes das Cabozadas onde se nos referenciou ou onde
simplemente se citou o noso nome de usuario. Por moita actividade que haxa
nas Cabozadas xa non perderemos o fío das conversacións.

11.- Incorpórase, a libre elección dos nosos usuarios, a posibilidade de
incluír o seu nome real completo para facilitar a outros usuarios a busca
de usuarios por nomes reais. De todos os xeitos mantense sempre oculto o
resto de usuarios. Só quen nos encontre polo noso nome real saberá quen se
“esconde” tras o noso Nick ou nome de usuario. Engadida a posibilidade de
incluír un enlace permanente (por exemplo ao noso blog ou web) no noso
Taboleiro.

Moitas máis son as novidades incorporadas a esta rede social galega nesta
nova versión. Se aínda non es usuario de Cabozo ou se hai tempo que non
entras por alí, pásate e descobre o novo Cabozo.

Exit mobile version