Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta di que “posiblemente sexan recepcionadas a vindeira semana” as obras de A Marosa en Burela

Nota de Prensa

A XUNTA DESMINTE QUE RETRASE A INAUGURACIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL DA MAROSA, POIS AÍNDA NON RECIBIU FORMALMENTE AS OBRAS

* A delegada territorial, Raquel Arias, explica que posiblemente sexan recepcionadas a vindeira semana, e acto seguido serán entregadas ao concello para o beneficio de todos os veciños
* A tenente de alcalde do Concello de Burela foi recibindo información puntualmente do estado de tramitación do proxecto por parte de técnicos da Secretaría Xeral

Lugo, 1 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou hoxe que as obras do campo de fútbol da Marosa, en Burela, aínda non foron recibidas formalmente pola Xunta, de xeito que dificilmente pode este espazo abrirse ao público para o seu uso.

Arias afirmou que posiblemente sexan recepcionadas a vindeira semana, para o cal desprazarase ata o lugar un técnico da Secretaría Xeral para o Deporte que comprobará que as obras executadas se corresponden co establecido no proxecto que serviu de base ao contrato.

Unha vez realizadas as comprobacións oportunas, a Xunta procederá á recepción da obra e será entón cando, acto seguido, “serán entregadas ao concello e poderán utilizarse xa para beneficio de todos os veciños sen restrición algunha”.

A delegada territorial manifestouse “sorprendida” polas declaracións da tenente de alcalde de Burela, Neves Cando, e dixo descoñecer “cómo é posible que unha concelleira do goberno local de  Burela afirme que as obras xa foron entregadas ao concello, cando nin sequera as recibiu a Xunta”.

Na mesma liña, Arias lembrou que “a propia concelleira admite que o Concello achegou o luns os 99.048 euros que lle corresponden, polo que non houbo tempo material para cumprimentar os trámites administrativos e pagar a obra,  outro factor que imposibilitou que a teñamos recibido”.

En todo caso, subliña, “é do máximo interese para a Xunta de Galicia que as veciñas e veciños de Burela poidan disfrutar canto antes desta renovada infraestrutura”, na que a Secretaría Xeral para o Deporte inviste preto de 500.000 euros.

Exit mobile version