Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo deu a coñecer a sentencia que desestima a petición de indemnización de Sumigest

Nota de Prensa

O PROCESO XUDICIAL ENTRE O CONCELLO E A EMPRESA ADXUDICATARIA DA PRIVATIZACIÓN DE SERVIZOS PROMOVIDA POLOS SOCIALISTAS REMATA CUNHA SENTENCIA FIRME A FAVOR DOS INTERESES DOS VECIÑOS DE CERVO

* O Tribunal Superior de Justicia de Galicia abala a decisión tomada no seu día polo Goberno local do PP de anular o contrato adxudicado na época dos socialistas en favor da empresa Sumiges para a xestión dos servizos municipais de subministro de auga, gas, saneamento e recollida de lixo

* A sentencia é firme e desestima definitivamente as pretensións de indemnización que a empresa pretendía acadar do Concello e que ascendían a un total de 2.292.591,31 euros

* No seu contido corroborase a existencia de numerosas deficiencias e irregularidades feitas polos socialistas nesta privatización

* O grupo de Goberno local cualifica o fallo xudicial coma “unha mostra máis” da “perversa xestión” do PSOE local no proceso de adxudicación destes servizos e esíxenlles aos socialistas explicacións polo seu intento frustrado de “pelotazo privatizador”

Cervo, 8 de Outubro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, deu a coñecer este mediodía en compaña da concelleira de Asuntos Sociais, Pilar Armada, o contido da sentencia relacionada co contencioso que mantivo ata o de agora o Concello de Cervo  coa empresa SUMIGES a raíz da decisión tomada no seu día por este consistorio de anular o contrato que tiña esta empresa para a xestión dos servizos municipais de subministro de auga, gas, saneamento e recollida de lixo.

Neste caso trátase dun fallo en firme da sala 2ª do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Justicia de Galicia no que non cabe recurso. Nel se desestiman definitivamente as pretensións de indemnización que esta empresa pretendía acadar do Concello e cuxa contía ascendía a un total de que ascendía a un total de 2.292.591,31 euros.  Así mesmo este fallo condena tamén á empresa ao pago das costas procesais de todo o proceso xudicial.

O rexedor dixo que con esta sentencia péchase “un largo camiño” iniciado hai aproximadamente 10 anos, cando o Goberno local do PP decidiu reverter a xestión dos servizos de auga, saneamento, gas e lixo novamente ao concello por considerar que as condicións de privatización subscritas no seu día polo anterior goberno municipal dos socialistas “raiaba a ilegalidade e así o veñen a demostrar todas estas sentencias” recalcou o alcalde.

Villares incidiu no feito de que o Concello saíu finalmente gañador de todas as sentencias que se foron sucedendo ao longo de todo este proceso xudicial. “Esta sentencia -ao igual que as anteriores que deste tema se teñen producido- é para nós un novo refrendo de que a decisión tomada polo goberno local do Partido Popular de retomar o contrato de servizos subscrito polos socialistas de Cervo cando estaban á fronte do Concello foi unha medida axeitada e deixa ao descuberto unha vez máis as escuras pretensións do Psoe de Cervo no proceso privatizador destes servizos” recalcou.

Para o alcalde o feito de ter gañadas todas as sentencias do caso “Sumiges” tamén deixa ao descuberto a “deslealdade” do Psoe local cos veciños do municipio “primeiro porque privatizaron un servizo público mediante un proceso que a Xustiza resolveu finalmente como irregular; e segundo, porque desde o primeiro momento os edís socialistas de antes e tamén os de agora estiveron ao carón da empresa privada e non na defensa dos intereses dos veciños de Cervo”. Villares profundizou nas súas acusacións asegurando estar convencido de que se este proceso xudicial entablado con Sumiges dependera dos socialistas “seguiriamos cun servizo privatizado de xeito irregular ou xa teríamos pagado todas as reclamacións desta empresa, o que sumaría máis de tres millóns de euros, e isto a pesares de que os tribunais nos acaban de dar a razón definitivamente”.

PELOTAZO PRIVATIZADOR FRUSTRADO GRAZAS AO PP

“Eles -en referencia aos socialistas-,  que tanto enchen a boca falando da importancia dos servizos públicos, foron os reis da privatización; mentres que nós, desde os distintos executivos municipais do Partido Popular, sempre defendemos que debía manterse unha xestión pública, porque o único beneficiario da auga, do saneamento, do gas e da recollida de lixo deben ser todos e cada un dos veciños” asegurou o mandatario cervense.

Villares espera por último que esta sentencia que conleva o peche definitivo deste conflito xudicial en favor dos intereses municipais sirva tamén para que “dunha vez por todas” os membros do Psoe “teñan a coraxe suficiente” de dar explicacións a tódolos veciños “sobre os entresijos deste intento afortunadamente frustrado por nós de pelotazo de concesión”. “Non nos valen escusas nin desculpas. O único que nos vale agora son explicacións claras do seu proceder”

Exit mobile version