Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG ensino presentou a súa candidatura ás eleccións sindicais que se celebrarán en decembro

CIG ensino presentou a súa candidatura ás eleccións sindicais

Nota de prensa

A CIG-ENSINO PRESENTA A SÚA CANDIDATURA DA MARIÑA ÁS ELECCIÓNS SINDICAIS

No acto estivo presente o Secretario Nacional, Anxo Louzao

Burela, 26 de outubro de 2010.- Onte tivo lugar en Burela unha asemblea de delegados/as e afiliados/as da CIG-Ensino da Mariña para presentar a súa candidatura ás eleccións sindicais que se celebrarán o día 2 de decembro. Neste acto estivo o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.

Anxo Louzao centrou a súa intervención na transcendencia que para o ensino público teñen estas eleccións cara a poñer freo ás regresións e recortes que o están a deteriorar gravemente, como comprobamos este ano na Mariña coa supresión de ciclos formativos e da modalidade presencial do Ensino de Adultos, coa privatización dos servizos de comedor ou coa eliminación de unidades de infantil e primaria. Así mesmo, afondou no rexeitamento da política lingüística da Consellaría de Educación, baseada na persecución e desprestixio do noso idioma aínda que o leve a despilfarrar 10 millóns de euros en cambiar libros de texto polo feito de estar en galego.

A CIG-Ensino preséntase a estas eleccións cun balance do traballo feito durante estes catro anos altamente positivo tanto polo papel destacado e imprescindíbel en toda a conflitividade e problemática no ensino, como en todas as melloras e acordos asinados: ampliación dos cadros de persoal en Infantil e Primaria, mellora dos horarios, mellora nas retribucións, pagas extras completas, regulamento e mellora das condicións dos itinerantes, ampliación de licenzas e permisos, avances para a conciliación laboral e familiar e outros que aumentaron a calidade do ensino público. Este é noso mellor aval cara a estas eleccións.

A CIG obtivera nas anteriores eleccións máis do 40% dos apoios entre o profesorado da Mariña. Agora, o obxectivo marcado pola CIG-Ensino nestas eleccións é a de incrementar a súa representación para ter maior poder de resolución e de incidencia para facer fronte ás medidas regresivas e antigalegas e para poder avanzar na consecución de mellores condicións de traballo do profesorado e dunha mellor calidade do ensino público. Por iso, a candidatura está formada por docentes avalados polo seu compromiso e traballo diario nos centros educativos e que representan á práctica totalidade dos colexios e institutos da Mariña.

Exit mobile version