Site icon Crónica3.com A Mariña

Cortan o alumeado a avenida de Galicia en Cervo por traballos para aforro enerxético

Nota de Prensa

A AVENIDA DE GALICIA PERMANECERÁ SEN ALUMEADO PÚBLICO ATA MAÑÁ DEBIDO AOS TRABALLOS DE MELLORA E AFORRO ENERXÉTICO QUE ESTÁ A FACER O CONCELLO NESTA RÚA

Cervo, 13 outubro de 2010.- Hoxe deron comezo na Avenida de Galicia no núcleo de Cervo os traballos do Programa Municipal de Aforro e Eficiencia Enerxética dos alumeados públicos deste municipio. Nun principio esta previsto que os traballos de reposición, mellora e substitución das luminarias por outras de baixo consumo se prolonguen ata mañá, día 14. Por isto, dende o servizo de Obras do Concello de Cervo piden desculpas aos veciños desta rúa.

O programa de Aforro e Eficiencia Enerxética do Concello de Cervo iniciouse o pasado mes de abril na vila de San Ciprián. Consiste na modernización dos alumeados en distintas rúas e núcleos de poboación do municipio e conta cun orzamento de preto de 365.000 euros financiados a través do Fondo Estatal de Inversións Locais.

Segundo indicou o rexedor cervense, Alfonso Villares, con esta actuación o Concello pretende así paliar as feroces subas dos recibos da luz das compañías eléctricas mediante a mellora e a modernización das instalacións e tendidos de luz, “para conseguir así reducir ao máximo o noso consumo de enerxía eléctrica, xa que este gasto é un dos máis importantes para as nosas arcas municipais” indicou.

Nas actuacións que abranguen este programa figura a modernización dos sistemas lumínicos dos tendidos municipais nunha vintena de puntos de Cervo, San Ciprián, Lieiro, Castelo, Río Cobo, Espiñeirido, Daián, A Ruela, Gondrás ou O Penido entre outros. Con el, o grupo de Goberno municipal persegue racionalizar o uso da enerxía con instalacións de maior eficiencia enerxética encamiñadas a reducir e optimizar o consumo de electricidade en términos unitarios, pero sen reducir o nivel de servizos que presta aos veciños do termino municipal.

“Esperamos poder racionalizar o uso da enerxía con instalacións de maior eficiencia enerxética que van encamiñadas a reducir e optimizar o consumo de electricidade en términos unitarios, pero sen reducir a calidade do servizos que prestamos aos cervenses” salientou o alcalde.

Exit mobile version