Site icon Crónica3.com A Mariña

Cuestión de prioridades

No seu desleixo cara ao galego e o público, o señor Jesús Vázquez Abad non nos deixa de abraiar co paso do tempo. Semellaba que lle deran a orde de baixar a presión na cuestión do idioma, pero de novo volveu levantar a lebre. Outra cousa é que a presión cidadá lograra facer recuar ao señor Feijoo, negando primeiro o evidente, e facéndoo corrixir despois.
O gasto previsto na promoción “dos valores que sustentan o decreto de uso do galego no ensino” era desmesurado: ata un millón de euros. A metida de zoca do señor Feijoo negando no Parlamento a existencia de tal campaña publicitaria, e a adxudicación da mesma, fíxolle sacar as cores ante a cidadanía. E máis que lle han saír no caso de ter que indemnizar á empresa adxudicataria.
Despois do recorte feito en Educación, e estes rapaces veña a andar a xogar cos orzamentos da Xunta, de todos nós, tan á lixeira. Iso si: para a ESO e bacharelato de adultos, para mellorar as ratios profesor-alumno (ou manter cando menos as acadas ata o momento), para consolidar e aumentar a oferta de ciclos formativos, ou para facer novas escolas infantís, para iso non había diñeiro. E se hai nenos e nenas en Ribadeo que teñen que ir á gardaría a Barreiros ou Castropol, pois que ben que van de excursión!
Pola contra, sempre están a tempo de nos advertir do importante que é o ensino privado e tamén das súas bondades. Nun congreso de centros da privada celebrado estes días atrás en Vigo, o señor Jesús Vázquez non faltou á súa “cita” (non sabemos se para exercer de conselleiro de todos os galegos e galegas ou se como patrón do mesmo). Como non, a súa referencia anti-LOXSE non puido faltar. E mira que podería ter proposto o PPdeG unha lei galega de educación alternativa no seu día á LOXSE, ou agora á LOE (as dúas leis de gobernos socialistas). Pero iso, ata que se atreva a señora Esperanza Aguirre, os de aquí non han ser quen. Élles moito caldo xunto. Logo se empacha o señor Vázquez co que quere, que cando lle convén ten peito abondo; como no caso da campaña do millón de euros ou no aumento cualitativo das axudas ao ensino privado ao mesmo tempo que diminuían drasticamente os orzamentos para potenciar ou, no seu caso, cando menos, manter o ensino público. Cuestión de prioridades.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version