Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentan “Contos dun ribadense. Desiderio Palazón” de Arturo Mogo na Casa das Letras en Ribadeo


Nota de Prensa

A Agrupación Cultural Francisco Lanza prácese en convidalos á presentación dos “Contos dun ribadense. Desiderio Palazón”, de Arturo Mogo o vindeiro venres 22 de outubro, ás 20,30 h., na Casa das Letras.

Todas aquelas persoas orgullosas da tradición oral, nomeadamente da da súa vila; todas aquelas xentes que tiveron a ocasión de escoitar de primeira man as ocorrentes e rechamantes historias de D. Desiderio Palazón; todas aquelas persoas, en fin, amantes das súas letras, teñen este vindeiro venres 22 de outubro, a oportunidade de lembrar, da man de Arturo Mogo, este personaxe tan entrañábel da historia da nosa vila.

Arturo Mogo é un ribadense que se define a si mesmo como “un argalleiro das verbas”. Xoga coas palabras no seu tempo libre. Xoga con elas literariamente e tamén no aspecto gráfico, pois gusta de debuxalas, da caligrafía como un elemento máis da literatura.

Desde a Agrupación Cultural Francisco Lanza pensamos que estes relatos, que xa foron publicados no semanario “La Comarca del Eo”, deben quedar reunidos nun libro que permita que calquera veciño ou veciña poida gozar coa súa lectura e revivir un ambiente que xa non existe, e posibelmente tampouco existiu nunca na súa literalidade. Pero ese é, precisamente, o valor da literatura.

Teñen, tamén, un grande valor estes contos pola lingua utilizada, o galego popular dos personaxes que neles se moven, os xiros, a retranca, as frases feitas… Ese galego que foi creando o noso pobo e no que debemos beber para sermos orixinais e universais a un tempo, tal e como Francisco Lanza e os seus compañeiros da Xeración Nós pensaban.

Exit mobile version