Site icon Crónica3.com A Mariña

Mulleres de Santo André de Boimente en Viveiro organizaron unha exposición con 70 fotos antigas

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA ASISTIU Á INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA “O ESPELLO DAS LEMBRANZAS”

A mostra é unha homenaxe aos veciños de Santo André de Boimente que organiza a asociación de mulleres rurais Fraga das Saímas

VIVEIRO, 16 de outubro de 2010. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta tarde á inauguración da mostra “O espello das lembranzas”, que organiza a asociación de mulleres do rural Fraga das Saímas e consta de ao redor de 70 fotografías antigas que foron reunidas e seleccionadas entre os veciños e veciñas de Santo André de Boimente. Ademais, tamén se expón no centro sociocultural da parroquia unha mostra dos traballos manuais elaborados durante os últimos meses polas alumnas do taller de manualidades e cestería organizados pola asociación.

Antonio Veiga subliñou a importancia “de dar apoio a este tipo de asociacións que son as que máis o necesitan, e sobre todo á hora de realizar actividades como esta mostra, que permite manter viva a historia dunha comunidade a través das lembranzas”. O proxecto chamado “Espello das lembranzas”, que levan a cabo as mulleres desta asociación, forma parte dunha serie de actuacións que teñen como obxectivo a conservación do patrimonio material e inmaterial da parroquia de Santo André e a recuperación da historia dos maiores, mantendo vivo o recordo da xente da comunidade veciñal, así como a reivindicación dunha forma de vida propia dun pasado duro, difícil pero tamén entrañable e irrepetible.

O Espello das Lembranzas é un proxecto que tamén fai as veces de obradoiro de memoria colectiva, dado que as veciñas e veciños non só tiveron que buscar fotografías senón que deberon contar a súa historia: identificar ás persoas que aparecen nelas, data, lugar, así como calquera outro detalle ou anécdota sobre dita instantánea.

Exit mobile version