Site icon Crónica3.com A Mariña

Novas xeracións do PP ve “lóxica” a redución de liñas do NoiteBús

NOTA DE PRENSA

NNXX entende que a Xunta priorice os servizos  e estude un novo financiamento do Noitebús

* O presidente provincial ve “lóxica” a redución de liñas e recorda que moitas delas tiñan escasos usuarios

* Vega lembra que o Noitebús foi implantado polo goberno Fraga e defende que a seguridade viaria “é un dos obxectivos da Xunta”

Lugo, 21 de outubro de 2010.-  O presidente provincial de Novas Xeracións de Lugo, Daniel Vega, considera inaceptable a moción presentada polo BNG na que lle esixe á Xunta de Galicia manter o servicio de Noitebús, xa que dada a redución dos orzamentos para o 2011 é necesario “priorizar e pagar a dependencia, os comedores, o transporte escolar ou a sanidade que sí son servicios esenciais”. Así mesmo, dende a xunta provincial queren deixar claro que, tal e como promulga o goberno de Feijóo, non se defende a supresión do Noitebús senón que “se procuren outras fórmulas de financiamento que permitan manter este servizo”.

Dado a merma en máis de 1.000 millóns de euros nos orzamentos autonómicos para o vindeiro ano por mor dos recortes aos que o goberno Central someteu a Galicia, Vega asegura que “entendemos e compartimos que a Xunta retire as subvencións ao servizo do Noitebús e estude novas liñas de financiamento como son a iniciativa privada, ou que os propios concellos, como ocorre en Aragón, se fagan cargo do servizo”.

Daniel Vega recorda que a seguridade viaria é un dos obxectivos da Xunta e que o decreto que regula o servizo de transporte de lecer nocturno foi aprobado durante o goberno de Manuel Fraga. Neste sentido, Vega explica que o PP quere deixar claro que “dito decreto seguirá vixente e que as empresas de transporte poderán seguir prestando o servizo”. Así, engade que dende o goberno da Xunta  estudase que, en rutas cun elevado índice de usuarios, o custo do billete se rebaixe coa colaboración das asociacións e empresas de hostelería e coa achega dos propios estudantes.

Dende Novas Xeracións de Lugo tamén aclaran que Galicia é a comunidade española coa oferta máis ampla de rutas de Noitebús –194–, por detrás atópase Madrid, con 150 liñas menos. Segundo explica o presidente provincial, moitos destos servizos teñen un escaso número de usuarios, polo que o seu mantemento supón un beneficio social pequeno e un desembolso económico moi amplo.

Polo tanto, resulta “ilóxico” que a Xunta estea a subvencionar servizos nocturnos con baixa demanda, tendo en conta que en moitas destas zonas do rural lucense non existe transporte público que cubran servicios “que considero tan ou máis básicos e esenciais que o do Noitebus,  como son acudir ao médico en caso de urxencia ou desprazarse ao posto de traballo”.

Dado esto, Daniel Vega comenta que dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estase valorando a decisión de que liñas se deben manter e cómo se poden financiar. Así mesmo, o presidente provincial tamén traslada a intención do goberno do PP de apostar, na medida do posible, polo transporte interurbano e moi especialmente o metropolitano, o que favorecerá a mobilidade de máis de 1.800.000 persoas e desconxestionará as urbes metropolitanas. Vega tamén recorda que dende a Xunta se tratará de potenciar o transporte escolar e impulsará novas rutas aéreas para facer máis competitivos os aeroportos de Galicia.

Exit mobile version