Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo di que está “tremendamente preocupado” polas negociacións do Museo do Mar

Nota de Prensa

A VILLARES PREOCÚPALLE QUE A DEPUTACIÓN ACABE POR CRERSE AS SÚAS PROPIAS MENTIRAS EN TORNO ÁS NEGOCIACIÓNS PARA AMPLIAR O MUSEO DO MAR

* O rexedor recordoulles aos dirixentes do ente provincial que levan á fronte da Deputación tempo dabondo para conseguir avances tanxibles nesta reivindicación “da que non se cansaban en solicitar cando estaban na oposición”

* Dixo que as xestións das administracións públicas demóstranse con feitos “e queda máis que claro que as da Deputación neste tema súas foron nulas”.

* Lembrou que o ente provincial non ten contestado a ningún dos moitos escritos remitidos dende o Concello solicitando información sobre a evolución destas conversas “o que demostra o seu nulo interese en todo este tema”

Cervo,  9 de Outubro de 2010.-  O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, dixo estar “tremendamente preocupado” polas recentes declaracións dos responsables provinciais en torno ás negociacións para a ampliación do Museo do Mar. “Paréceme incrible que aínda despois de non ter máis remedio que recoñecer que non teñen feito ningunha oferta aos propietarios da finca lindeira co museo sigan escorrendo o bulto dicindo que toda a culpa é do Partido Popular. Levan máis de tres anos e medio á fronte da Deputación e en todo este tempo se viron as caras coa dona do terreo so dúas veces en xuntanzas que polo que a mesma interesada di, non serviron para nada máis que para marear a perdíz” dixo Villares.

O rexedor recordoulles aos dirixentes do ente provincial que as xestións das administracións públicas demóstranse con feitos “e queda máis que claro que as súas foron nulas”. Non contestaron a ningún dos moitisimos escritos que lles enviamos en torno a este tema porque non tiñan o valor de recoñecer que non fixeran nada en todo este tempo, e  cando se lles descobre o pastel aínda teñen a caradura de seguir dicindo que están negociando para garantir a ampliación do museo… ¿Pero a quen pretenden enganar con estas absurdas declaracións? Seguro que aos veciños de Cervo e de San Ciprián non” recalcou o mandatario local.

“O peor de todo isto non é xa que pretendan enganar á xente porque, afortunadamente, non o van conseguir. O realmente preocupante é que eles mesmos se están a crer as súas propias mentiras porque da a sensación de que realmente pensan que están a negociar cos donos do terreo cando é a proia dona da finca a que lles esta a poñer os pes na terra cando afirma publicamente que xa está aburrida de tantas declaracións de intencións e lles pide que lle fagan unha oferta concreta”.

Exit mobile version