Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pide reforzos de policía para a seguridade pola vaga de roubos

Nota de prensa:
SUÁREZ BARCIA PÍDELLE AO SUBDELEGADO DO GOBERNO QUE SE REFORCEN AS MEDIDAS DE SEGURIDADE EN RIBADEO TRAS A OLEADA DE ROUBOS QUE SE ESTÁN A PRODUCIR NA MARIÑA LUCENSE E NO OCCIDENTE ASTURIANO. O REXEDOR FÍXOLLE CHEGAR A VÁZQUEZ PORTOMEÑE A PREOCUPACIÓN DOS VECIÑOS.

Ribadeo, 19 de outubro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, fíxolle chegar ao subdelegado do Goberno a preocupación veciñal tras a oleada de roubos que se están a producir en casas e pisos da Mariña lucense e do Occidente asturiano. O rexedor lembrou que dous deses roubos foron cometidos en Ribadeo.

Suárez Barcia dixo que “como alcalde transmíteseme certa preocupación veciñal, eu son consciente diso e esta mesma mañá contactando coa Subdelegación do Goberno o que lle pido a Xosé Vázquez Portomeñe é que se extremen ou se reforcen as medidas de vixianza dos corpos e forzas de seguridade do Estado en Ribadeo, e que nas xuntas locais de seguridade que se fan cos Concellos non temos problema en que se mellore ou reforce a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, aínda que para este tipo de cuestións, por persoal, por capacidade e por traballo sempre será a Garda Civil a que teña que intervir”.

O alcalde considera que “debo alertar e transmitir a preocupación dos veciños, tanto dos afectados por eses roubos como doutros posibles obxectivos destas bandas que, polo xeito de actuar, parecen organizadas e non están radicadas nun concello soamente senón que son itinerantes, están a facer moito mal e creando moito temor cidadán. Confío en que a Subdelegación do Goberno dean cumprida resposta a esta lexítima demanda que facemos desde Ribadeo”.

Exit mobile version