Site icon Crónica3.com A Mariña

O artesán viveirense Óscar Rodríguez mostra a súa obra na exposición Tesouros Privados en Santiago

Nota de Prensa

RAQUEL ARIAS VISITOU AO LUCENSE ÓSCAR RODRÍGUEZ, FINALISTA DUN PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA, QUE PRESENTA A SÚA OBRA NA  EXPOSICIÓN  “TESOUROS PRIVADOS”

* Tanto a candidatura do artesán lucense ao certame nacional como a mostra na que actualmente participa en Santiago de Compostela foron promovidas pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2010.-  A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe acompañada de Elena Fabeiro, xerente da Fundación Centro  Galego da Artesanía e do Deseño, a mostra na que o artesán viveirense Óscar Rodríguez presenta a súa obra dentro da exposición Tesouros privados, que se celebra no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, dende o 9 de setembro e ata o 24 de outubro

Esta mostra, dedicada á xoiería contemporánea en Galicia, está organizada pola Dirección Xeral de Comercio e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organismo que promoveu a candidatura de Óscar Rodríguez aos V Premios Nacionais de Artesanía, nos que resultou finalista.

A delegada territorial felicitou a Óscar Rodríguez polo éxito acadado no certame nacional, ao tempo que admirou a súa obra e subliñou “a importancia deste premio, que celebra o talento do artesán viveirense e acredita a boa liña de traballo que seguen a Dirección Xeral de Comercio e o Centro Galego de Artesanía”.

Arias destacou que “tres das cinco obras seleccionadas polo xurado dos Premios Nacionais de Artesanía na categoría Produto son de artesáns galegos que foron propostos pola Fundación Centro da Artesanía e do Deseño”. Trátase de Viviana Araújo, de Pontevedra, Rosa Méndez, de Teo, e o lucense Óscar Rodríguez, todos eles en posesión da carta de artesán outorgada pola Dirección Xeral de Comercio e donos de obradoiros artesáns  inscritos dentro do Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia.

O artesán Óscar Rodríguez é un dos xoieiros máis recoñecidos tanto en España como en diferentes países europeos. Está especializado na elaboración de xoias con deseños exclusivos e de alta calidade.

O selo especial de Óscar Rodríguez é a capacidade de innovación e de facer propostas frescas e sorprendentes con cada nova colección. En concreto, “Tesouros do Mar”, seleccionada como finalista no certame nacional, toma como base as cunchas mariñas para preparar unha serie de xoias exclusivas combinadas con ouro e outros metais e con pedras preciosas.

Na exposición “Tesouros privados” participan arredor de 40 autores e unha cantidade aproximada de 200 pezas, ofrecendo un escaparate das diferentes propostas do sector da xoiería galega.

Raquel Arias visitou a exposición e gabou o alto nivel dos participantes. “En Galicia sempre tivemos artesáns de moito talento –afirmou-. O papel da Xunta consiste en apoiar ese talento, e así o está a facer a través da Consellería de Economía e Industria e, en concreto, da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que impulsa diferentes liñas de actuación para o desenvolvemento e a promoción do sector artesán galego”.

Exit mobile version