Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG advirte que os orzamentos do Estado paralizan a A8

Nota de prensa

Veiga critica que os Orzamentos promovan o desemprego

O BNG denuncia que os Orzamentos do Estado paralizan a A-8

Os Orzamentos Xerais do Estado que ven de presentar o Goberno central ao Congreso significa a desaparición práctica da Mariña dos mesmos e veñen a certificar a paralización da Autovía do Cantábrico.

A Mariña non existe para o Goberno do Estado.

O Bloque Nacionalista Galego quere denunciar primeiramente a ausencia total de compromiso por parte do Goberno coa Comarca en relación con obras que estaban comprometidas e que desaparecen das contas públicas como pode ser o ramal do gasoducto Ribadeo-Vicedo, que significa un factor de agravio comparativo e afonda nos problemas de competitividade  do noso tecido empresarial. Na mesma liña é autenticamente escandalosa a situación coa que se sigue a tratar o tramo da Corredor Barreiros-Ferrol que continúa sen consignación, mesmamente para poder proceder a licitar o proxecto constructivo. Xa por último no que a estes aspectos respecta, queremos denunciar o baixo nivel de execución das obras programadas en 2010, algunhas das cais como a rehabilitación da Praza da Catedral en Mondoñedo ou a continuación das Ribeiras do Torto en Riotorto ou as cetarias de Ribadeo non se iniciaron na anualidade correspondente e desaparecen dos orzamentos deste ano. Segundo Antonio Veiga “estes feitos demostran que A Mariña non é unha prioridade política para o Goberno do Estado á par que evidencian a falta de fiabilidade política dos responsábeis políticos do estado que recollen nunha lei determinadas actuacións e posteriormente as deixan no caixón do esquecemento. Neste sentido é particularmente grave que actuacións que inciden directamente no tecido industrial como é o gasoducto, cuxa entrada en vigor baixaría os custos de explotación das empresas da Comarca e polo tanto aumentaría a súa productividade desapareza dos Orzamentos do Estado”.

A Autovía do Cantábrico paralizada

A previsión de execución da Autovía do Cantábrico e o diñeiro destinado a execución dos tramos da mesma nas contas públicas de 2011 deixan claro que os temores que expresou o BNG no mes de Agosto sobre a paralización da mesma se confirman pero tamén que o Ministro de Fomento enganou ao conxunto dos Mariñaos e tamén dos Lucenses. Así mentres que nos Orzamentos de 2010 se fixaba o 2011 para o remate de todos os tramos galegos da A-8, na proposta que se recolle nas contas de 2011 só se fixa para esta data o Castromaior-Touzas e o Abadín-Touzas deixando para 2012 os restantes coa excepción do Mondoñedo-Lindín e o Lindín-Carreira.  Agora ben se atentedemos a programación definida está claro que isto non vai ser posíbel porque o groso do investimento para estes dous últimos tramos se fixa para 2012, máis de 100 millóns de euros, o que fai imposíbel mesmamente a execución técnica por razóns de prazo e que implicaría nestes dous tramos só nesa anualidade máis investimento que no conxunto da obra para 2011 e 2013. O Portavoz Comarcal do BNG denunciou que “nesta anualidade non se vai abrir nin un só tramo da A-8 na Mariña, e non nos vale como coartada o axuste orzamentario pois esta era unha obra que xa acumulaba atrasos, xa que tiña que estar rematada en 2007.É máis dá para pensar que dos tramos que se abren son os de menos dificultades técnicas, na Terra Chá, un dos cais iniciouse no 2003 e só ten 3Km, o que significa en que en zona de chaira na Galiza só se constrúen medio kilometro por ano”.

Os Orzamentos crían desemprego na Mariña.

Veiga advertiu “das graves consecuencias que en materia de emprego vai ter a paralización práctica da A-8, tanto nos traballadores da obra, como nos autónomos que facían traballos para as contratas, como para economía das localidades onde se concentraban os traballos. Non temos ningunha dúbida que as repercusións no emprego vai ser terrorífica, pero tamén no sector servizos, nomeadamente na hostalería, e entre os autónomos moitos dos cales van ficar sen traballo e con investimentos vinculados directamente a esta obra. Os orzamentos de 2011 son todo o contrario do que deben ser uns orzamentos en épocas de crise, isto é en períodos coma este o que debe facer o sector público e tirar da economía para xerar emprego. As contas deste ano, pola contra, convértense nunha maquina de crear desempregados na Mariña”. Xa por último o Portavoz do BNG afirmou que “Blanco non é de fiar, posto que despois de afirmar, que esta actuación era unha das que estaba garantida, agora nos atopamos cunha realidade totalmente diferente. Para isto a mariña, non precisa de Ministros que exerzan de galegos e de lucenses”.

Exit mobile version