Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicitará que os orzamentos de Galicia recollan unha partida para a residencia de Foz

Nota de prensa:
Os nacionalistas solicitarán que os Orzamentos recollan unha partida que permita que este ano comecen as obras da nova residencia de Foz

Blanco denuncia que os recortes orzamentarios no Hospital da Costa van na dirección de convertelo nunha sucursal do de Lugo

O Deputado do BNG Fernando Blanco, mantivo na xornada de hoxe, reunións con diferentes colectivos da Comarca da Mariña, onde denunciou os recortes que en materia de gasto social está a levar adiante a Xunta de Galiza do que son un reflexo claro na zona os investimentos en materia de servicios públicos.

Na reunión mantida con representantes da Plataforma sanitaria, entre os que atopaban membros da Xunta de Persoal do Hospital, colectivos de doentes, ou asociacións veciñais, Blanco criticou “ que as contas da Xunta para 2011 deixan calderilla no Hospital da Costa, e xa non é que se paralicen actuacións como o Plano Director do mesmo, senón que se deixan sen acometer cuestións básicas que poñen en risco servicios que veñen funcionando a día de hoxe e que desde logo responden a intención ben definida de deteriorar a calidade asistencia do mesmo”. Neste sentido o nacionalista recordou os dados que fixo públicos a semana pasada a propia Consellaría de Educación e que colocaba a cabeza das listas de espera tanto en consultas como en cirurxía do sistema sanitario público galego, POVISA non é público, ao Hospital da Costa. “ Se no Hospital de Burela os veciños da Mariña teñan que agardar segundo afirma Sanidade 106 días de media para facer unha consulta e 122 días para someterse a unha operación, cando sabemos que estamos diante de cifras maquilladas en beneficio da administración , o que está claro é que algo non funciona neste centro. É precisamente esta situación de partida, isto é que está nunha situación peor que noutros centros da rede pública, o que debería obrigar a Xunta de Galiza a investir e apostar de máis por este centro, agás que as intencións do Goberno Galego sexa desmantelalo progresivamente”, afirmou Blanco. Na mesma dirección Blanco fixo referencia ao Decreto 168/2010 do 7 de Outubro polo que se procedía a regular as estructuras de xestión integrada que non fai outra cousas que certificar os argumentos que viñemos utilizando desde o BNG e tamén desde a Plataforma , no sentido de que a folla de rota da Consellaría é converter a Area Sanitaria da Costa nunha mera sucursal da Área de Xestión Integrada de Lugo. Tanto é así que Blanco mostrouse convencido de que o futuro do Hospital da Costa se atopa as portas da súa batalla decisiva, “porque ou mudamos o modelo organizativo definido neste Decreto ou pouco ficará en dous anos do Hospital, con todo o que significa de calidade asistencial pero tamén de motor económico da Mariña. Non nos estraña mesmamente que o propio SERGAS e a actual equipa directiva do Hospital estean a día de hoxe de xeito deliberado a deteriorar a calidade asistencial e tampouco é casual que de xeito reiterado a Xunta de Galiza se negue a investir no Hospital da Costa, mesmo en cuestións que son indispensábeis. Todo indica que o PP e o Goberno Galego o dá por amortizado, si a presión da sociedade da Mariña non os para”.

Blanco volve a levar ao Parlamento as urxencias para Foz

Blanco que mantivo unha xuntanza coa Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública quixo ter “un recoñecemento especial para os integrantes da mesma polo seu tesón na loita que veñen mantendo” e recordou “que o BNG presentou dúas iniciativas para o seu debate en comisión a fin de que a cámara apoiase a creación das urxencias ás 24 horas en Foz, algo que o PP vetou facendo uso da maioría parlamentaria”. Aínda así o deputado nacionalista comprometeu a “presentación de novo desta iniciativa, porque Foz merece este servicio pero tamén porque a dotación dun servicio de urxencias en Foz significaría rematar co colapso que hoxe sufre o PAC de Burela”.

Os nacionalistas emendan os orzamentos, para que Foz conte cunha residencia.

Xa por último os nacionalistas mantiveron unha xuntanza cos colectivos que demandan un Centro de Día Residencial para Foz, xuntanza que se celebra tras recibir a carta que os mesmos lle remitiron aos grupos parlamentarios.” Nos xa presentamos no mes de Xuño unha proposición non de lei para dotar a Foz dunha infraestructura tan necesaria, iniciativa que se tratara no Parlamento Galego en Novembro, aínda así pensamos que a presión social vai ser fundamental para garantir este servicio” afirmou Blanco quen indicou que “ até hoxe o Goberno de Feijoo se algo demostrou é que os servicios sociais non son unha prioridade, pola contra a atención aos maiores converteuse nun xeito de negocio. Non se explica que tendo a Xunta a súa disposición os terreos que non procedese a introducir unha partida nos Orzamentos para que esta obra se licite neste ano e se remate no horizonte 2013 tal como reclama a Corporación focega e tamén os colectivos sociais que se agrupan nesta Plataforma”. Xa por último Parlamentario Nacionalista confirmou que o seu grupo introducirá unha emenda nos orzamentos tal como lle indicou a Plataforma para que as obras do Centro de Día Residencial se inicien este ano.

Exit mobile version